Colaboracións e patrocinios

O Consello colabora co VI Seminario Internacional sobre democracia, cidadanía e estado de dereito que se celebra no Campus de Ourense

2025-03-14T10:41:36+00:0013 de Marzo de 2025|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O campus de Ourense acolleu os días 10, 11 e 12 de marzo a celebración do VI Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito. A iniciativa é froito da cooperación académica entre grupos de investigación da Universidade de Vigo, a Universidade Estadual de Londrina, en Paraná, Brasil, e da Universidade Federal Fluminense, de Río de Xaneiro, do mesmo país.

O evento ten como directores presidentes a Antón Lois Fernández e Guillermo Suárez (UVigo) e Gilvan Luiz Hansen (UFF) e como directores académicos a Clodomiro José Bannwart Júnior e Elve Miguel Cenci (UEL) e Eder Fernandes Monica. Na súa organización está o Instituto Gilvan Hansen e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, o Consello Social da UVigo, o Campus Auga e Lauro Rabha Advogados. Os obxectivos do seminario son “discutir as cuestións máis importantes sobre a democracia e a xestión das institucións desde a perspectiva de construír xustiza social e sostibilidade” e promover o diálogo interinstitucional, compartindo experiencias específicas para cada institución sobre o tema do evento. A iniciativa tamén quere analizar os retos que presenta ao dereito as crises contextuais e a construción da sostibilidade con respecto á cidadanía e á democracia e “permitir a construción e consolidación de redes de relación e investigación que se converten en asociacións académicas intercontinentais prometedoras”.

Mesa inaugural do VI Seminario

O VI Seminario Internacional sobre Democracia, Cidadanía e Estado de Dereito centrou a súa atención sobre as cuestións e os desafíos ás que se enfrontan as ciencias humanas e sociais, especialmente o dereito, na busca de perspectivas de sostibilidade e desenvolvemento con calidade de vida e igualdade. Fíxoo, ademais, “nun escenario global marcado polas constantes inestabilidades derivadas de crises institucionais, que ten o crecemento dos movementos totalitarios a nivel mundial como síntoma de exclusión e ameaza para a humanidade, xerando impactos globais na xestión de institucións (gobernos, empresas, familias etc.)”. Ademais, engaden desde a organización do evento, a pandemia de covid-19 aínda deixa as súas consecuencias en diferentes países do mundo e “provocou un empeoramento da desigualdade entre as persoas e entre as nacións, xa sexa no acceso á información, á alimentación, á vivenda, á saúde e ás condicións mínimas para a vida con dignidade”. A busca da integración e expansión do diálogo sobre os problemas contemporáneos e a discusión das posibles solucións a eles, indican desde o seminario, “son motivos que nos permiten a realización deste evento”.