Colaboracións e patrocinios

O Consello colabora coa conmemoración do Día Internacional das Matemáticas en 14 colexios de Vigo e Pontevedra

2025-03-18T18:55:06+00:0015 de Marzo de 2025|Colaboracións e patrocinios|

O 14 de marzo conmemórase o Día Internacional das Matemáticas e 800 estudantes de 14 colexios de Pontevedra e Vigo achegáronse ás aplicacións desta ciencia na astronomía ou na arte, a través dos obradoiros impartidos de xeito simultáneo por preto de 90 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deportes. Tratábase dunhas actividades inseridas na quinta edición do proxecto de divulgación ‘Te lo cuentan las matemáticas’, que o grupo de innovación docente MaReMa desenvolve co financiamento do Consello Social da UVigo e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades .

Inseridos nun proxecto dirixido a amosar a utilidade social e tecnolóxica desta ciencia ao alumnado do último ciclo de primaria, tratábase da primeira vez  estas actividades se levaban a cabo coincidindo coa conmemoración do Día das Matemáticas. As actividades estaban ordenadas en tres bloques de actividades para o alumnado de quinto de primaria e outros tres para o de sexto: os obradoiros ‘Te lo cuenta una astrónoma’ e ‘Te lo cuenta una artista’, tiñan como eixes “a xeometría e os movementos”, como explica Marta Pérez, coordinadora do grupo MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas). Concretamente, estas actividades levaron ao alumnado a traballar nun teselado a través “do método de Escher, que lles permite comprender o que son os movementos, as simetrías, as translacións ou os xiros”; e achegarse ás cónicas e, nomeadamente, “a circunferencia e a elipse, a través do método do xardineiro, que emprega fíos e cordas”, así como a experimentar “como foi o descubrimento por parte dos antigos astrónomos do movemento dos planetas arredor do sol”, explica Pérez.

Con estes mesmos eixes temáticos, estes obradoiros de carácter manipulativo  complementaranse a vindeira semana por outros de tipo tecnolóxico, que axudan a crear gifs e a abordar a posta en órbita de satélites. Ademais, os bloques propostos para cada trimestre complétanse cos Encontros Inspiradores, que se levan a cabo en Ciencias da Educación e do Deporte e que buscan achegar ao alumnado tanto a traxectoria de investigadoras e investigadores novos como de científicas de referencia neste campo.