Ao igual que o pasado 3 de abril no campus de Vigo, o mércores 9, o campus de Ourense celebrou a súa cita de referencia co emprego, a Feira EmpregoInCampus. O alumnado dos seus centros (especialmente o dos últimos cursos de grao, de doutoramento e de mestrado) puido coñecer de primeira man as oportunidades de desenvolvemento profesional e prácticas que ofrecen ao redor de 70 entidades públicas e privadas de diversos sectores. A organización estima unha participación de 400 estudantes.
A actividade estivo organizada pola Área de Emprego e Emprendemento da Universidade de Vigo, contando co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense e das súas escolas e facultades e co patrocinio Consello Social, do Campus Auga, Eures e a Xunta de Galicia. A feira abriu ás 10.00 h as súas portas no pavillón de deportes universitario, onde se ubicaron os diferentes postos, e continuou ata ás 19.00 h. Ás 13.00 horas tivo lugar unha visita institucional.
Participación moi diversa

A zona de Enxeñaría Informática, moi concorrida con 26 entidades participantes.
A listaxe de entidades participantes na feira foi moi diversa e o estudantado puido achegarse a postos de empresas e organizacións de sectores vinculados ás diferentes titulacións que se imparten no campus ourensán, desde a alimentación e a enxeñaría ata asociacións de diferentes eidos e centros tecnolóxicos. Tamén tiveron un espazo destacado entidades públicas como a Xunta, a Deputación de Ourense e a administración estatal. Ao igual que en anos anteriores, a feira contou con dúas partes principais, unha zona de postos e mostradores de 50 entidades que buscaban perfís diversos e outra zona onde a Escola Superior de Enxeñaría Informática desenvolveu entrevistas concertadas entre alumnado deste centro e 26 entidades, algunhas das cales tamén tiñan presencia na zona xeral.
Nesta edición participaron entidades como Abanca, Aceites Abril, Aertec Solutions, Agencia Estatal de Administración Tributaria, Alén Space, Arias Avogados, Atelier Social, Balidea, Bahía Software, Ceesg, Centro de Desenvolvemento Rural O Viso, Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar, Codisoil, Coren, Hotusa, Gradiant, LexAuria, Ministerio de Defensa ou Uría Menéndez Abogados, ademais dos diferentes exércitos e corpos de seguridade. En cada posto, o alumnado puido entregar o seu currículo a través dun código QR que se xeraba no momento de facer a inscrición. Para facilitar a participación, tamén se instalou un espazo dedicado ao Pasaporte de Empregabilidade, no que as e os estudantes recibiron asesoramento sobre o seu CV e puideron facerse unha foto de calidade para o mesmo ou para redes sociais profesionais.