Actos do presidente

A UNRWA e a delegación galega de Emaús reciben os premios Consello Social UVigo_Humana 2024 á solidariedade e cooperación

2025-04-30T11:32:02+00:0030 de Abril de 2025|Actos do presidente, Responsabilidade social, UV-Humana|
Na imaxe representantes das dúas organizacións galardoadas xunto co reitor e o presidente do Consello Social

“Non só se trata de asistencia. Trátase de empoderar, de protexer, de acompañar, de seguir construíndo humanidade, mesmo nas ruínas”. Con esta frase rematou a súa intervención no acto de entrega dos premios Consello Social UVigo_Humana 2024 Lorena Gamito, directora en España de Acción Humanitaria, Emerxencias e Desenvolvemento da Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo. Xunto á UNRWA España, a delegación galega de Emaús Fundación Social foi a outra entidade premiada na quinta edición dos galardóns, que Juncal Blanco, responsable territorial da entidade, agradeceu e dedicou “ao esforzo e á loita diaria das persoas que forman parte de Emaús”. Nun acto que se celebrou no edificio Redeiras, preto dunha vintena de egresadas e egresados da UVigo tamén recolleron os recoñecementos aos seus traballos de fin de grao e fin de mestrado en materia de Axenda 2030, cooperación ao Desenvolvemento e Responsabilidade Social. Traballos nos que as súas autoras e autores abordaron temáticas como a tradución con perspectiva de xénero; o impacto da RSC na rendibilidade empresarial; a análise de parámetros de calidade da auga de abastecemento nun barrio dunha poboación de Guinea-Bissau; a industria alimentaria ante o novo paradigma e a sustentabilidade ou unha proposta de boas prácticas para a Axenda 2030 consonte os principios do postcrecemento.

O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, referiuse ás entidades premiadas como “dous exemplos paradigmáticos vencellados á solidariedade e á cooperación”. Pedrosa destacou o papel fundamental que a UNRWA está a desenvolver na protección das persoas refuxiadas de Palestina, “axudando a unha poboación que carece do máis fundamental para vivir”, mentres que no caso de Emaús incidiu no seu traballo con persoas en risco de exclusión social. “Ao ben facer xamais lle falta premio”, dixo o presidente do Consello Social citando a Miguel de Cervantes e agradeceu o labor das entidades premiadas pola UVigo, “onde o coñecemento e a dignidade van da man e balizan o camiño, A Universidade convértese así nunha potencia ética da vida”, dixo Pedrosa.

A delegación galega de Emaús

Juncal Blanco, responsable territorial da delegación galega de Emaús

Polo seu traballo innovador na cidade de Vigo a prol das persoas máis vulnerables, construíndo un tecido social inclusivo poñendo á persoa no centro, son as razóns polas que xurado do premio Consello Social UVigo_Humana 2024 decidiu outorgar este galardón na súa categoría galega á delegación de Emaús. Integrada no movemento Emaús International, a súa delegación galega é unha organización de carácter social, laica, sen ánimo de lucro, cuxas actividades en Vigo se centran en apoiar ás persoas vulnerables en risco de exclusión social, con programas deseñados para axudar a recuperar hábitos, desenvolver competencias e mellorar a autoestima das persoas participantes.

Foi precisamente unha desas persoas, Sofía, quen agradeceu o galardón e relatou a súa experiencia en primeira persoa xunto “a quen tanto me axudaron neste traxecto. Son seres de luz cun sorriso debuxado”. Sofía, que destacou o compromiso coa solidariedade, a empatía e o servizo desinteresado dos e das integrantes de Emaús, agradeceulles que “cando ninguén confiaba en min eles o fixeron. A min, están logrando recompoñerme, pegando anaco a anaco a miña esencia”, dixo a moza sobre a entidade que cualificou de “gran familia formada por moitas persoas diferentes entre si, que aprenden de cada situación”.

Á intervención de Sofía seguiulle a interpretación de tres pezas musicais a cargo de Cantamañás, o coro de Emaús.

A UNRWA

Lorena Gamito, directora en España de Acción Humanitaria, Emerxencias e Desenvolvemento da UNRWA

Para recoñecer e reivindicar, nestes momentos críticos nos que a súa actividade estase vendo ameazada, o seu compromiso e dedicación co pobo palestino e o seu traballo a favor dos dereitos humanos. Estas son as razóns que levaron ao xurado do premio a outorgarlle á Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo o galardón UVigo_Humana 2024, na súa categoría internacional. Creada en 1949, a UNRWA atende a preto de 6 millóns de persoas refuxiadas que dependen dos servizos da axencia para o seu benestar diario. O seu labor educativo con máis de medio millón de rapaces e rapazas, foi unha das actividades especialmente valoradas pola comisión da UVigo encargada de outorgar o Premio UVigo_Humana. Así mesmo, no actual contexto de crise humanitaria en Gaza, e de desinformación sobre a UNRWA, logo das acusacións vertidas por Israel sobre a suposta participación de algúns dos seus empregados no ataque de Hamás do 7 de outubro de 2023, e da entrada en vigor da lexislación israelí, que prohibe as actividades da Axencia nos territorios palestinos ocupados, a comisión considerou que o premio non só é unha mostra de apoio para esta institución senón tamén cara o pobo palestino.

“Hoxe máis de 5,9 millóns de persoas refuxiadas de Palestina dependen do noso labor para acceder á saúde, educación, servizos sociais, protección e asistencia de emerxencia e fano en contextos marcados pola ocupación, a violencia e a guerra”, dixo Lorena Gamito, directora en España de Acción Humanitaria, Emerxencias e Desenvolvemento da Axencia de Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo. Para Gamito, este galardón recoñece a entrega incansable dos máis de “30.000 traballadores e traballadoras no terreo: mestres que ensinan baixo as bombas, médicos que atenden sen recursos, enxeñeiros, psicólogos e asistentes sociais que día tras día fan posible o imposible”, detallou a directora en España de Acción Humanitaria que dedicou o galardón “aos máis de 290 compañeiros e compañeiras que perderon a vida servindo baixo a bandeira de Nacións Unidas”.

Gamito recoñeceu que a día de hoxe a axencia vive unha das etapas máis difíciles da súa historia, na que enfronta cuestionamentos políticos e ataques a súa lexitimidade. “Unha situación fronte á que reafirmamos a nosa misión, porque a cooperación internacional non é un acto de caridade é un compromiso ético e legal e porque os dereitos humanos non poden depender do código postal de onde un nace”. A directora de Acción Humanitaria da UNRWA en España, que asegurou que este premio representa “a esperanza e lémbranos que aínda hai espazos onde a dignidade importa”, rematou parafraseando a unha estudante dunha escola de Gaza onde a UNRWA traballa que dixo que “non podo cambiar o mundo, pero podo aprender e iso farame libre algún día”.