O xoves 24 de abril, alumnado da Universidade de Vigo e da Escuela Naval Militar (ENM) medirá forzas nas augas da ría de Pontevedra, na terceira edición da Regata Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio, que nesta ocasión se desenvolve en Marín e poderá contemplarse desde a dársena da ENM. Neste III Trofeo Ría de Pontevedra competirase en embarcacións de remo de nove metros de eslora (coñecidas como”nove metros”), integradas por tripulacións mixtas de 14 remeiros e remeiras, un patrón e un proeiro, que se enfrontarán nunha regata nunha única manga, composta por dous tramos de 500 iardas cada un e unha ceavoga.
Promovido pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra e a Escuela Naval Militar, este III Trofeo Ría de Pontevedra insírese nas actividades da Cátedra Almirante Álvarez-Ossorio e conta co patrocinio do Consello Social da Universidade de Vigo, así como coa colaboración da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e do Gremio de Mareantes. O inicio da competición está previsto para as 16.30 horas e nela tomarán parte dúas tripulacións integradas por estudantes de diferentes facultades e escolas do campus e alumnas e alumnos da ENM, que alberga o Centro Universitario da Defensa (CUD), adscrito á UVigo.
As dúas tripulacións optarán nesta regata a alzar un trofeo ao que se incorpora cada ano unha placa co nome da institución gañadora, encargada de custodiala ata a seguinte edición. Así o fixo a UVigo nestes dous últimos anos, despois de que o seu alumnado se alzase coa vitoria tanto na primeira edición, disputada con barcos dragón, unha modalidade de piragüismo orixinaria da China, como na competición de bateis levada en 2024.
ACTUALIZACIÓN (25-04-2025): Impónse a Escuela Naval Militar