150 mozas e mozos chegados de 16 centros de ensino medio de toda Galicia, desde Xinzo de Limia ata Ferrol, participaron o mércores 9 de abril, na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, na I Olimpíada da Enerxía, un evento impulsado desde a Escola, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, FECYT, do Ministerio de Ciencia e Innovación, e que contou co apoio do Consello Social. O evento busca contribuír ao coñecemento do sector enerxético entre a mocidade, pondo en valor a importancia da enerxía no día a día das persoas, ao tempo que fai canteira profesional para unha sociedade na que a transición enerxética é un dos seus principais desafíos. É a primeira vez que un certame desta temática se celebra en toda España.
“Hoxe é un día moi intenso para todas e todos, no que preparamos para vós un programa cargado de actividades”, explicoulles á súa chegada á escola a directora do centro, Elena Alonso, coordinadora xeral da olimpíada, “tanto para a Escola como para a Universidade”. “Levades meses traballando, elaborando os vosos proxectos, hoxe toca dalos a coñecer e ver tamén as solucións formuladas polo resto de institutos”, salientou a Alonso, facendo fincapé na vertente formativa desta cita.
Tras admitir que organizaron o evento “con moitísima ilusión” e que están “encantados” coa resposta dos institutos, “de feito tivemos que deixar fóra algún centro máis que quería participar”, Alonso subliñou que con esta actividade se busca “contribuír ao coñecemento do sector enerxético, entendendo por este todo o conxunto de actividades que van desde a xeración ata consumo de enerxía térmica e eléctrica, prestando especial atención ao feito de pór en valor a importancia que ten o sector enerxético na calidade da vida das persoas”, ao tempo que lembrou que como centro público “temos a obriga de tratar de devolver á sociedade a confianza e os recursos que nos conceden”.
Multiples probas por toda a Escola

Equipo do IES Virxe da Saleta de Cea, equipado coas camisetas do evento
Tras a inauguración botaron a andar as probas, tanto individuais (test teórico) como por equipos, algunhas obrigatorias e outras optativas. Houbo actividades ao longo de todo o día en todos os recunchos da Escola, mentres uns facían as probas obrigatorias os demais participaron en obradoiros alternativos.
Unha das probas nas que participaron máis equipos foi a de divulgación científica, na que cada un dos equipos tiña que explicar a un público non especializado -compañeiros e compañeiras doutros institutos- un concepto relacionado co sector enerxético, para o que podían empregar todos os materiais e recursos desenvoltos ao largo dos últimos meses nos seus institutos. “No noso caso o que fixemos foi montar un prototipo de aeroxerador, moito máis simple ca un real, evidentemente, pero moi ilustrativo”, explicaba antes de arrancar a presentación un alumno do IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, disposto a convencer ao xurado das bondades deste traballo.
Outros institutos optaron pola proba Kit Arduino, consistente na automatización e programación dun sistema de placa solar fotovoltaica; outros pola denominada Fake News, na que traballaron con notas de prensa sobre o sector enerxético, e outros por un debate no que tiveron que resolver un problema relativo á elección da tecnoloxía de renovables para un caso específico.
A maiores de todas estas probas, a Escola converteuse en sede da exposición Mulleres Enerxéticas, na que se recollen pósters explicativos elaborados desde os diferentes institutos de múltiples mulleres que contribuíron ou contribúen, pola súa actividade profesional, ao sector enerxético.
Entrega de premios
Todo o alumnado participante nesta I Olimpíada da Enerxía recibiu medalla e diploma de participación, así como un pequeno agasallo da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía. A maiores repartíronse múltiples premios. Para cada unha das seis probas entregaronse tres premios (primeiro, segundo e terceiro), habendo tamén galardóns para os centros educativos, primeiro e segundo premio a cada categoría -centros de ESO e bacharelato e centros de Ciclos Superiores de Formación Profesional-. Foron 400 euros para os primeiros premios e 200 para os segundos, concedidos ambos polo Colegio Oficial de Ingenieros de Minas del NO. A maiores, concedeuse un premio Naturgy Renovables, aos primeiros centros clasificados consistente nunha visita a unha instalación de renovables do grupo Naturgy.
Entregáronse tamén os Premios Enerxéticas, primeiro e segundo premio para as alumnas mellor clasificadas.