O xoves 10 de abril, a Área de Dereito Constitucional da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou un seminario sobre a Lei Orgánica 1/2024, do 10 de xuño, de amnistía para a normalización institucional, nunha xornada que tivo por obxectivo achegar debate académico e reflexión crítica arredor desta lei.
“Queremos establecer un debate enriquecedor sobre un dos temas máis controvertidos e relevantes dos últimos anos, a amnistía para aqueles que participaron no denominado procés catalán”, explicou Noemí García Gestoso, docente da Área de Dereito Constitucional da Universidade de Vigo que exerceu como moderadora dunha xornada na que coincidiron investigadores, estudantes e profesionais do ámbito xurídico.
Un tema de “enorme actualidade e importancia”
A inauguración do encontro correu a cargo do decano da facultade, Francisco José Torres, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, que coincidiron en sinalar a “enorme actualidade e importancia” desta cuestión. No caso de Pedrosa comezou preguntándose se a lei de Amnistía ten cabida no marco constitucional actual, asunto sobre o que despois se debateu amplamente. “Preguntarse sobre os feitos que se consideran inalterables debería ser unha constante nesta profesión, pois só así se poden chegar a barallar diferente escenarios e obter as respostas máis acertadas e certeiras”, explicou Pedrosa, ao tempo que fixo fincapé na necesidade debater arredor dos diferentes interrogantes que se producen na aplicación da lei.
Pola súa banda, o decano da facultade aproveitou este acto para agredecerlle á Área de Dereito Constitucional a súa proactividade e colaboración na organización de todo este tipo de actividades, algo ao que, desde o seu punto de vista, axuda a gran cantidade de investigadores e investigadoras novas que se veñen incorporando á area ao longo dos últimos anos e que lle garanten “un futuro prometedor”, pondo como exemplo ao propio coordinador das xornadas, Andrés Vilas Vilamarín.
Visións desde Galicia, Madrid e Cataluña
A xornada permitiu coñecer as diferentes visións de tres grandes especialistas nesta materia. O primeiro en intervir foi o prestixioso e destacado xurista Roberto Blanco Valdés, catedrático da Univesidade de Santiago de Compostela; seguido do profesor da Universidad Autónoma de Madrid, César Aguado Renedo, e a profesora da Universitat de Barcelona, Enriqueta Expósito Gómez, quen, ademais de achegar a súa visión académica, fíxoo tamén como testemuña directa da situación que se viviu en Cataluña nos últimos anos arredor do procés.