Atopámonos no final dunha nova edición da entrega dos premios Consello Social_UVigoHumana correspondente ao ano 2024 e, permitan, que en primeiro lugar agradeza o labor da vicerreitora de Extensión Universitaria e da Comisión de Valoración, formada por Henar Quintas Salgado, Xosé Mahou Lago, Iria Vázquez Silva, Juan Santos Granda e Rosa Graña, quen tiveron a nada fácil responsabilidade de dirimir, de entre as candidaturas presentadas, aos premiados nesta convocatoria. E, tamén, non quero deixar a oportunidade de felicitar ás/aos autores dos mellores TFG-TFM en materia de axenda 2030, Responsabilidade Social e Cooperación, a quen neste acto faremos visible o seu esforzo por realizar traballos de calidade.
O feito de recoñecer é pór en valor e dar a coñecer o labor ou labores, tanto de persoas como de colectivos, que se distinguiron, e que o seguiran facendo, mentres exista un compromiso coa sociedade á que se serve. Recoñecer e premiar teñen aquí o mesmo sentido. Dentro do ámbito universitario procúrase sempre premiar aos mellores. O mérito e a capacidade permanecen como eses valores intrínsecos que permiten avanzar na procura da excelencia universal. Tal como o reflicten a etimología da palabra universitas–atis, universalidade, totalidade. Unha universidade, como institución de educación superior, convértese no reflexo da sociedade á que serve, e por iso non debe deixar de nutrirse do discorrer diario, do cotián, porque é nese espazo onde se producen as novidades, onde se vive o cambio e onde se certifica a evolución, ou o retroceso, á que estamos ou estaremos sometidos nalgún momento. Para converternos en vangarda do coñecemento, e a súa transferencia aos diferentes estratos á cidadanía, non deberiamos afastarnos dela. Participar nos seus éxitos, mencionalos, lamentar os seus fracasos para que sirvan de revulsivo para atopar as fórmulas que nos permitan avanzar xuntos. É a filosofía na que beben estes premios: “considerar o traballo realizado por persoas físicas, institucións ou organizacións non gobernamentais, tanto galegas como internacionais, que sobresaian pola súa traxectoria en calquera ámbito vinculado coa solidariedade e a cooperación”.
Tanto, a Axencia das Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina en Oriente Próximo, UNWRA, como EMAÚS VIGO, son dous exemplos paradigmáticos destes enunciados nos que se basean os premios que hoxe entregamos.
A UNWRA, desde a súa orixe no ano 1949, converteuse nunha das Axencias fundamentais para a protección dos refuxiados, implicándose en servizos esenciais como a educación, saúde e asistencia social a millóns de persoas. Nestes momentos nos que asistimos á barbarie imposta por un estado, a raíz do ataque lanzado por Hamás o 7 de outubro de 2023 en Israel, co rexeitamento da comunidade internacional, exceptuando Estados Unidos, e con máis de 52.000 falecidos, número que se incrementa co paso dos días, ataques que teñen por obxecto mulleres, anciáns e nenos, o papel da UNWRA, foi e segue sendo fundamental, para axudar a unha poboación que carece en grao sumo do fundamental para sobrevivir, desde a auga ata os alimentos ou medicamentos. Polo tanto, recoñecer nestes momentos o seu traballo en favor dos dereitos humanos, a pesar, das acusacións sufridas pola organización nestes últimos tempos, serven para reivindicar a función para a que foi creada.
EMAÚS FUNDACIÓN SOCIAL_DELEGACIÓN GALEGA é ben coñecida en Vigo, e a súa contorna, pola implicación desta organización en actividades relacionadas con persoas en risco de exclusión social. Aínda que, pola súa denominación pode evocar ao erro, é unha organización de carácter social, laica, sen ánimo de lucro, dependente de EMAÚS INTERNACIONAL.
As dúas organizacións distinguidas, do mesmo xeito que as outras candidaturas presentadas, posúen no seu ADN, o xen de preservar a xustiza social porque sen ela se incrementan as desigualdades, debilítase a cohesión social, provocando incertezas de todo tipo e anulando o desenvolvemento dos dereitos humanos, limitando o acceso á saúde, á educación, ao emprego digno, á loita contra o cambio climático etc. Cando non se aplica esta xustiza, instálase o desequilibrio e con el, a pobreza.
Era, pois, necesario, crear estes premios para dar visibilidade a este traballo das organizacións, en moitos casos non gobernamentais, que xeran economía, ligada ao terceiro sector, indisolublemente unida ao mundo do progreso, que ten como fin, axudar a quen o necesita.
Felicidades para ás dúas entidades galardoadas co desexo que no futuro continúen servíndonos de exemplo para seguir na senda de procurar un mundo mellor. Felicidades que, tamén, desexo expresar ás persoas recoñecidas nas versións dos premios TFG e TFM. É desde esta perspectiva onde a nosa función (refírome á da nosa Universidade) debe ser recoñecida. Nos traballos de investigación das diferentes ramas do saber que axudarán a mellorar a vida de todos nós porque, tal como deixou escrito, o insigne don Miguel de Cervantes, “al bien hacer, jamás le falta premio”.
Querido, Reitor, desde os órganos de goberno do Consello Social permanecemos atentos, vostede é coñecedor, a cada un dos fitos alcanzados pola UVigo, ben sexa na súa presenza nos rankings internacionais, ben en calquera dos espazos nos que se move a nosa comunidade universitaria, e no que nos atopamos neste momento, debería de converterse nunha aposta común para proxectar o que a sociedade nos dá e o que nós lle achegamos.
Recoñecer o traballo, a dedicación, a xenerosidade destes colectivos fainos máis humanos.
——————————–
Vigo, Edificio Redeiras, 28 Abril 2025
Ernesto Pedrosa.