Colaboracións e patrocinios

As xornadas de empregabilidade inseridas en EmpregoinCampus, actividades que conectan o alumnado coa realidade profesional, contan co apoio do Consello

2025-05-21T17:47:53+00:0021 de Maio de 2025|Colaboracións e patrocinios, Novas|

As xornadas de promoción do emprego organizadas pola Vicerreitoría do campus de Pontevedra, co patrocinio do Consello Social, teñen como obxectivo promover un contacto directo entre o estudantado das diferentes facultades e escolas e profesionais dos sectores nos que desenvolverán a súa traxectoria profesional. Están inseridas no programa EmpregoinCampus, –que promove a Área de Emprego e Emprendemento da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade–, un conxunto de actividades dirixidas a “dar ao alumnado unha visión xeral dos seus ámbitos laborais, de diferentes posibilidades de emprendemento ou das áreas que actualmente poden ter mellores saídas”, sinala a vicerreitora, Eva María Lantarón.

Dando continuidade ao formato de mesas de saídas profesionais do pasado curso, estas actividades dirixidas “a mellorar a inserción laboral do estudantado”, sinala Lantarón, “adáptanse as necesidades de cada un dos centros e á realidade laboral dos diferentes sectores”, combinando a participación de profesionais e empresas privadas coas de representantes de institucións e entidades do sector público.

Actividades por todo o campus

Sobre estas liñas, a primeira das actividades deste programa na Semana Forestal 2025.                                                                     Arriba, na imaxe xeral, xornada de empregabilidade en Fisioterapia.

Estes días estivo celebrándose en Fisioterapia unha xornada de orientación, dirixida principalmente a alumnado de último curso, que buscaba tanto amosar ao estudantado diferentes ámbitos laborais e de especialización como a comprender a traxectoria que seguiron diferentes profesionais ata chegar a coordinar unha clínica ou traballar de forma autónoma.  Con ese propósito, o encontro contou coa participación de Margarita González, da clínica Suturo, que explicou o que implica a coordinación dunha clínica e o traballo na fisioterapia uroxinecolóxica; e de María Rodil, que valorou o traballo por conta propia. Daniel Ferreiro, de Oximesa, abordou a especialización en fisioterapia respiratoria e en como é o traballo a domicilio, mentres Alfonso Freiro, supervisor do Servizo de Rehabilitación do CHOP, deu conta do traballo nos centros de atención primaria e nos hospitais. A apertura da xornada correu a cargo da directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, que puxo o foco en que o “punto de inflexión” que supón a saída ao mercado laboral require dun “proceso de reflexión”.

Xa no mes de abril, na EE Forestal, botara andar este programa cunha mesa inserida na programación da Semana Forestal 2025, que tiña como obxectivo achegar o alumnado ás experiencias de profesionais formados neste centro. O encontro contou coa participación de Francisco Álvarez, director executivo de Ecowarm e presidente do Clúster da Biomasa de Galicia; Ana Rodríguez, directora de compras e vendas de Madeiras O Fragueiro; Fran Abilleira, xerente de Redenor, e da enxeñeira Noelia Méndez, da asociación de empresarios Lugomadera.

A programación de EmpregoinCampus continuará nos primeiros meses do curso 2025/2026 con novas iniciativas, como as mesas redondas que a Facultade de Comunicación centrará tanto no sector publicitario como no audiovisual. Belas Artes, pola súa banda, promoverá unha sesión centrada no ámbito profesional da arte, mentres que Dirección e Xestión Pública impulsará un encontro con institucións e empresas e Deseño acollerá seminarios e encontros, que se inserirán á súa vez na programación de Debut.