O martes 13 de maio, na Escola de Enxeñaría Forestal, presentáronse un conxunto de recursos didácticos centrados na xiloteca –colección conformada por 441 pezas de madeira de 93 especies situada nesa Escola– e no arboreto do campus –integrado por preto de 350 árbores de 50 especies–, ambos promovidos pola Vicerreitoría, co apoio do Consello Social da UVigo. [Na imaxe, arriba, de esquerda a dereita, Delfina Couce (directora da Oficina de Medio Ambiente da UVigo), Eva María Lantarón (vicerreitora do campus), Ángeles Cancela (directora da Escola) e Luis Torres (director da Área adxunta á vicerreitoría)].
Trátase dunha guía da xiloteca e de catro unidades didácticas, concibidas como unha ferramenta de apoio ao currículo escolar, que busca promover o respecto pola biodiversidade, a aprendizaxe activa en contacto coa natureza e contribuír á educación ambiental do estudantado de primaria e secundaria.
Este conxunto de recursos reúnense á súa vez nun espazo web e adiántase que serán empregados polos preto de 500 estudantes da contorna de Pontevedra, procedentes tanto de diferentes institutos como de centros de primaria, que nas próximas semanas participarán nunha serie de visitas á xiloteca e a á ruta do arboreto, un percorrido de preto de dous quilómetros que permite coñecer os seus exemplares máis significativos.
Posta en valor das coleccións universitarias
O novo material didáctico presentado súmase á guía do arboreto elaborada en 2019, coincidindo coa creación da base de datos xeolocalizada das 350 árbores existentes no campus. Estes recursos reúnense nunha web que ten como obxectivo pór en valor todo este traballo e facelo accesible para todos. Agárdase que o vindeiro ano engádanse outros elementos na colección de material audiovisual coa que conta a Facultade de Comunicación que na actualidade se están a catalogar.