Dado o contido marcadamente económico do próximo pleno cremos conveniente solicitar unha visión panorámica actual e o horizonte da oferta académica da UVigo, e entrar a coñecer toda a formación propia que ofrece.
Nun escenario de cambio normativo substancial e constante a nivel nacional, que se acentuará co próximo decreto regulador que elabore a Xunta de Galicia, as universidades deberán revisar os seus procedementos e expectativas, prepararse, tomar decisións e acertar. Agardar xa non é unha opción.
E por se a incerteza fose pouca, aumenta con especial intensidade unha tormenta de declaracións e intencións que ameaza con romper o sistema universitario en Galicia. Cando estabamos instalados en que o inimigo estaba fóra, en apenas uns días tamén asoma dentro. Asistimos con asombro a noticias sobre máis universidades privadas, novos títulos que propoñen e nos preocupan, pero que se incrementaron e se puxeron xa en lista de agarda. E como colofón, o inesperado xiro da UDC anunciando de modo unilateral a súa intención de implantar Medicina.
Todo está a ocorrer a unha velocidade que fai máis necesario este pleno –e seguro que algúns máis– para asumir e analizar a transcendencia dos cambios que se aveciñan e o risco que comportan, dada a velocidade á que se están producindo.
Nestas circunstancias, a presenza do vicerreitor Alfonso Lago, ao que agradezo que nos acompañe hoxe e prepare un valioso e documentado informe para explicarnos onde estamos, cobra un imprevisto valor engadido. Convocarámoslle para que nos anticipase as intencións da UVigo a medio prazo, despois de ver recentemente nun medio informativo que apuntaba a necesidade de “abrir unha análise interna na UVigo porque está en plena modernización da súa oferta académica”. Reitero que hoxe o escenario é outro. Pero comezar por saber onde estamos é máis oportuno que nunca.
Novos títulos, que coñeceremos hoxe; os dobres graos, con alta demanda e elevado nivel académico; as microcredenciales, microcursos para profesionais; os títulos con mención dual, que dan ás empresas un papel activo dentro do ensino. Estas e outras alternativas transformarán a universidade actual e o seu papel e influencia social. E como Consello Social necesitamos ter referencias, previsións da polidocencia, as súas modalidades e os seus impactos. Para reforzar o papel da universidade na súa contorna social e o fortalecemento da formación ao longo da vida, como pide a LOSU.
Con maior motivo e esixencia, dados os últimos pronunciamientos, cando se abra o novo mapa de titulacións, a UVigo deberá acudir á mesa de negociación coas súas ideas e propostas debatidas, con propostas de títulos competitivos, e de futuro. E desde o CS debemos comprometernos con suxestións e accións de mellora. Xa era unha obrigación, pero agora é tamén unha urxencia. Debemos recobrar o sentido e a razón.
Xunto aos títulos oficiais, terán un papel tamén relevante novas modalidades formativas que conecten a aprendizaxe coas necesidades da contorna laboral, co progreso profesional, que acheguen novas competencias e que faciliten o emprendemiento. Ese é o propósito no que se move o Centro de posgrao e formación permanente, que pasa a ter un protagonismo fundamental. Tamén aquí o vicerreitor Alfonso Lago, ao que reitero o meu agradecemento, axudaranos a entender o que está a pasar e o que está a pensar a Universidade.
Para achegarnos ao cambio de paradigma que afronta a universidade española, hai que introducir na visión de conxunto o caso das universidades privadas. No curso 23/24 impartíronse titulacións oficiais en 91 universidades, 50 públicas e 41 privadas. Desde 1988 non se abre unha universidade pública en España, e inauguráronse 26 privadas.
Pronto serán máis as privadas que as pública, e esa realidade debe contemplarse porque condicionará en gran medida o escenario e as decisións. Galicia xa tampouco é allea. A UIE recibiu aos seus primeiros alumnos no curso 22-23 e agora está en pleno proceso de ampliar titulacións que xeran tensións no sistema (unha delas reflectida no punto 4, outra anunciada posteriormente sobre Enfermaría, e antes Psicoloxía).
Unha segunda iniciativa privada está en marcha co grupo empresarial educativo Cesuga, que acaba de presentar o proxecto para crear a universidade privada Emilia Pardo Bazán, ante a oposición do Claustro da UDC que pediu que se paralice.
A proba de que o que está a pasar non é un tema menor e que se precisa nova regulación reflíctese na decisión do Gobierno de endurecer os requisitos para pór control á proliferación de centros privadas, para esixir a calidade que se considera insuficiente nalgúns casos. Sobre a maior esixencia para crear novos centros universitarios pronunciouse a Conferencia de Consejos Sociales, cun documento do que dispoñen en punto 2, onde se sinala que algúns obstáculos son inxustificados e poden ter “consecuencias indeseadas” sobre a diversificación do sistema universitario. Se teñen interese neste tema, recoméndolles a súa lectura.
No borrador do novo Real Decreto, revisado no Consejo de universidades o pasado día 12, foron tidas en conta algunhas alegacións da Conferencia.
Volvendo atrás, e respecto ao momento 4 da Orde do día, agradezo as achegas realizadas por membros do CS, de modo singular a ampla e documentada reflexión de Juan José Santamaría, quen, por certo, solicitou no anterior pleno, información sobre a contratación colectiva en curso. A este respecto agradeceríalle concretase e acoutase un pouco a súa petición para poder facela efectiva e dar traslado á Xerencia.
E xa en relación co seu recorrente envío de escritos sobre Cidade Universitaria e a miña pertenza ao Consello de administración, agradeceríalle que reflexionase e ponderase a súa esixencia. Non darei curso a esa pretensión. O Consello Social manterá a súa atención nos labores, competencias e afáns de utilidade á universidade, non en disquisiciones xurídicas de discutible valor para a actividade universitaria. Señor Santamaría, abandone, por favor esa intención nos termos nos que o está expondo, porque é empeño de discutible beneficio social. Para o CS sería moi útil que puxese os seus valiosos coñecementos e os seus meritorios esforzos ao servizo de obxectivos que compartimos todos: os títulos, os estudantes, as empresas, o emprego, os exalumnos, a transferencia, a xestión. Aí poderemos atoparnos todos. Non todas as competencias do CS merecen a mesma atención, e non todos os membros do CS temos a mesma visión. Por iso creo que os presidentes debemos ter a capacidade e a liberdade de elixir os camiños. E á vista dos últimos acontecementos no campo da educación superior, elixir as prioridades será unha decisión chave. Porque os CS tamén se xogan moito nunha situación de alerta á que deben entregar os seus maiores e mellores esforzos.
Nesa dirección conte vostede coa miña maior receptividade e agradecemento.
Quero deixar constancia do agradecemento ao xa exvicerrector José Cidrás, pola súa colaboración con este CS. E consecuentemente, transmitirlle os mellores desexos ao seu substituto –o profesor Félix Quintero– á fronte da área de Planificación e Sustentabilidade.
Paréceme importante mencionar as cifras de ingresos record que captou a UVigo en 2024 por proxectos de investigación e de transferencia de coñecemento. Case 50 millóns de euros. Destácoo porque creo que a universidade mellorará ao seu desempeño e a súa fortaleza impulsando a investigación, captando recursos externos e implicando ao alumnado. Avanzar nesa cultura propiciará equipos investigadores máis potentes e unha formación máis orientada a resolver problemas e posibilitar oportunidades para a sociedade.
Por último, agradezo ao Reitor o seu eloxio ao traballo que desenvolve o Consello Social na área económica, tal e como fixo constar publicamente no Consello de Goberno do pasado mes de abril, admitindo que “ás veces detectan e profundan en problemas que ao final nos axudan a mellorar”. Nesa mesma sesión, o Reitor manifestou o seu desexo de que os membros do Consello Social visiten e coñezan os centros de investigación da UVigo. Está no noso ánimo, Reitor. O próximo pleno esperamos poder reunilo en Toralla, na Estación de Ciencias Mariñas.