Colaboracións e patrocinios

Máis de 400 estudantes de primaria e secundaria descubren o arboreto do campus de Pontevedra que conta co apoio do Consello Social

2025-06-18T16:48:24+00:0018 de Xuño de 2025|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Procedentes de cinco colexios e institutos, un total de 431 estudantes de primaria e secundaria amplíaron nestas semanas dos meses de maio e xuño coñecementos sobre biodiversidade nunha serie de visitas guiadas ao arboreto e á xiloteca do campus. Promovida pola Vicerreitoría, esta actividade incorpora por primeira vez a estudantado de primaria, así como unha sesión formativa nos propios centros, previa ás visitas que se desenvolven desde mediados de maio.

O punto de partida é a ruta do arboreto, un percorrido de preto de dous quilómetros que permite coñecer os exemplares máis representativos das 350 árbores, pertencentes a 54 especies e 28 familias, e que se atopan xeorreferenciadas nunha base de datos. Coordinados polo enxeñeiro forestal Luis Ángel Gómez, a estes percorridos guiados por parte da ruta sumáse as visitas das e dos estudantes á xiloteca do campus, unha colección de madeiras integrada por 411 táboas de 93 especies, emprazada na Escola de Enxeñaría Forestal.

Formación previa e recursos para continuar traballando

Outra das novidades foi que as visitas, nesta ocasión, víronse precedidas por “unha pequena charla de presentación do arboreto e da xiloteca”, explica Gómez. Impartida previamente nos diferentes centros, tiña como obxectivo achegar ao estudantado “diferentes conceptos” que logo serían abordados na actividade desenvolvida no campus.

Dirixida a tratar cuestións como “cambio climático, contaminación, flora e fauna, conservación ou sostibilidade”, esta actividade vese complementada polas unidades didácticas, desenvolvidas pola Vicerreitoría, co apoio do Consello Social da UVigo, dispoñibles, xunto coas guías do arboreto e da xiloteca, no espazo web dedicado ás coleccións do campus. Estes recursos didácticos combinan información, actividades e xogos coa idea de que, “unha vez que os nenos visitan estes recursos, poidan repasar co profesorado os coñecementos adquiridos”.

De primaria a 4º da ESO

As primeiras visitas deste curso enmarcáronse nas actividades da Feira da Miniciencia, o evento final do programa Pontenciencia, celebrado o 9 e 10 de maio. Unha semana máis tarde, visitaban o arboreto e a xiloteca 25 estudantes do colexio Juan Sebastián Elcano, na que foi a primeira participación de estudantes de primaria nesta actividade. Pouco despois, participaban  40 máis de 4º da ESO do IES Frei Martín Sarmiento e, nos últimos días, sumábanse a esta actividade 120 alumnos e alumnas do IES Sánchez Cantón e outros 120 estudantes do IES A Xunqueira II. Finalmente, 52 mozos e mozas do colexio SEK-Atlántico protagonizaron o mércores 11 de xuño a última das visitas programadas para o presente curso.