Actos do presidente

O Consello Social colabora cos Premios Alumni que nesta edición recoñeceron o éxito de antigos estudantes

2025-07-11T13:36:51+00:0011 de Xullo de 2025|Actos do presidente, Colaboracións e patrocinios, Novas|

Samuel López Novoa, Marta Verde Baqueiro, Sonia Ramos Galdo, Rosa Figueroa Pérez e Alexandra Seara Sobrino. Os cinco estudaron na Universidade de Vigo, os cinco teñen exitosas traxectorias profesionais e desde o serán do xoves 10 de xullo de 2025 os cinco comparten a honra de ser as persoas gañadoras dos IV Premios Alumni-UVigo, unha distinción coa que a institución académica viguesa pon en valor o éxito das súas egresadas e egresados. A cerimonia de entrega tivo lugar no edificio Redeiras, un evento que continuou na praza do Berbés cun acto lúdico no que o antigo alumnado puido atoparse cos que foran os seus docentes, compañeiros e compañeiras, lembrar anécdotas da vida universitaria e, ao tempo, seguir enriquecendo a súa rede de contactos profesionais.

Nesta edición presentáronse máis de cen candidaturas ás cinco categorías dispoñibles: emprendemento, humanidades, impacto social, investigación e traxectoria profesional. O xurado elixiu 15 finalistas e foi a propia comunidade Alumni, a través dun sistema de votación en liña, a encargada de elixir as persoas gañadoras.

Foto de familia das persoas finalistas e premiadas

Samuel López, Premio Emprendemento, líder en agricultura vertical

Na categoría de emprendemento o galardón foi par Samuel López, membro fundador de Neboda Farms, unha iniciativa agrotecnolóxica, de agricultura vertical de interior, pioneira en Galicia e que aplica a hidroponía para producir alimentos de forma eficiente e respectuosa co medio, empregando tecnoloxía desenvolta polo seu propio equipo. O seu proxecto destaca pola innovación, o compromiso coa sustentabilidade e a recuperación do rural galego a través da vangarda agrícola e tecnolóxica. Entregoulle o premio María Troncoso, xefa de Asuntos Públicos, Comunicación e Sostibilidade de Coca Cola e responsable do programa Mares Circulares.

A artista contemporánea Marta Verde,  Premio Humanidades

Na categoría de Humanidades fíxose co galardón Marta Verde, artista contemporánea galega especializada en arte multimedia e programación creativa. Cunha obra que destaca pola fusión entre tecnoloxía, arte e pensamento contemporáneo, a artista desenvolve contornas e experiencias audiovisuais interactivas en espazos lúdicos, culturais e expositivos. É profesora na Berklee College of Music, unha das universidades de música máis prestixiosa do mundo, sendo a única muller recoñecida como formadora oficial en Europa do software co que traballa. Como creative coder freelance, participou en festivais e congresos internacionais como Ars Electronica (Austria), Sónar, Primavera Sound, Mad Cool, BBK Live, ARCO, Benidorm Fest (con Tanxugueiras), e outros.

Se ben ela non puido acudir á cerimonia recolleron o premio no seu nome os seus pais de mans de Xosé Soutullo, director da editorial Galaxia.

Sonia Ramos, enxeñeira experta en renovables, Premio Impacto Social

O Premio Alumni-UVigo Impacto Social recaeu nesta edición en Sonia Ramos Galdo, enxeñeira de enerxías renovables que leva máis de 20 anos desenvolvendo proxectos de solar fotovoltaica en España e en zonas rurais de África. En colaboración con ONG, universidades e organismos internacionais traballa para planificar, deseñar e implementar acceso á enerxía para os servizos básicos de educación, saúde, auga e alimentación, xerando así impacto real en comunidades illadas e vulnerables. Recolleu o galardón de mans de Beatriz Gallego, directora rexional de Galicia do programa Inserta Emprego da Fundación Once.

Rosa Figueroa, directora do IEO en Vigo, premio Investigación

En Investigación o premio foi para a directora do Instituto Español de Oceanografía en Vigo, Rosa Figueroa Pérez, graduada en Ciencias do Mar e especialista en ecosistemas mariños profundos, planificación espacial mariña e impacto ambiental. Tal e como se destacou no acto, Figueroa conta cunha ampla traxectoria internacional, lidera investigacións clave para a conservación e a xestión sostible dos océanos.

Recolleu o premio no seu nome Montse Pérez, xefa do Departamento de Acuicultura do IEO de Vigo. Encargouse de entregalo o catedrático da UVigo Jesús Souza Troncoso.

Alexandra Seara, abandeirada da Ribeira Sacra, premio á Traxectoria Profesional

O Premio á traxectoria profesional foi para Alexandra Seara Sobrino, xerenta do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra e quen ten desempeñado un papel clave na proxección desta comarca como destino sostible. A súa carreira destaca pola xestión cultural, turística e patrimonial. Entregoulle o galardón Sabela Pérez, vicepresidenta da Confederación Empresarial de Pontevedra.

Premios honoríficos

Ernesto Pesrosa entregou o premio ao director da planta de Stellantis en Vigo, José Luis Alonso Mosquera

O acto incluíu tamén, como é habitual, a entrega dos Recoñecementos Alumni-UVigo, galardóns honoríficos a persoas que polo seu labor contribúen ao prestixio e valores da Universidade de Vigo e que este ano recaeron na presidenta do Celta, Marián Mouriño, que recibiu o premio Amigo-Alumni, se ben non puido acudir de xeito presencial a recollelo por coincidir coa presentación da 2ª fase de Galicia Sports 360 na Cidade Deportiva Afouteza, tal e como explicou a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, encargada de entregarlle o recoñecemento.

Pola súa banda, o director da planta de Stellantis en Vigo, José Luis Alonso Mosquera, recolleu o premio Alumni-UVigo Distinguido de mans do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; e Alberto Estévez Suárez, vencellado a Amnistía Internacional desde hai máis de 25 anos, Alumni Honorífico en recoñecemento á súa dilatada traxectoria en dereitos humanos e control de armas, galardón que recolleu de mans do reitor, Manuel Reigosa.

Medio cento de mentores e mentoras na comunidade alumni

Como en edicións anteriores, o acto foi conducido por Susana Rodríguez Barcia, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución e contou coa presenza do reitor Manuel Reigosa, e a vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, quen destacou o papel do programa de mentoría da Comunidade Alumni, que busca que as e os titulados ou estudante dos últimos cursos de grao, mestrado e doutoramento melloren as túas habilidades para a empregabilidade a través do asesoramento e consellos dun ou dunha profesional en exercicio da súa mesma área de coñecemento. Precisamente en representación desta rede de mentores e mentoras, conformada na actualidade por arredor de medio cento de profesionais, tomou a palabra Sole Otero Piñeiro, graduada en Bioloxía pola Universidade de Vigo e investigadora na Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, dependente da Consellería de Sanidade.