A mostra, que se pode visitar desde o pasado 24 de outubro na sala de estudo da FTT, amosouse previamente en Salamanca, Alacante e Canarias, e nos próximos meses viaxará a Bruxelas. É un conxunto formado por fotografías, documentos e películas cinematográficas que recolle a a presenza das mulleres nos labores de interpretación a partir do s.XX, coa feminización desta actividade dos anos 50 en diante. En paralelo celébrase un ciclo de dous seminarios centrados na historia da interpretación e o papel da muller nela.
O contido da exposición amosa á muller como unha excepción, que desenvolvía a súa actividade nunha contorna esencialmente masculina (conferencias diplomáticas, guerras, procesos xudiciais etc.), mesmo con exemplos temperáns na I Guerra Mundial e na Unión Soviética ou en acontecementos como a II Guerra Mundial, as conferencias de paz da Sociedade de Nacións, a Guerra Civil española, o proceso de Núremberg, o nacemento das Nacións Unidas ou o da Unión Europea. “Esta actividade, maioritariamente masculina ao longo da primeira metade do século XX, serviu de preludio a unha época de crecente feminización da profesión de intérprete, que se empezará a manifestar de forma moito máis clara a partir da consolidación da profesión nos anos 1950”, detallou Jesús Baigorri, docente da USAL e xunto a Críspulo Travieso e Cristina Zelich, comisario da exposición.
No acto de inauguración o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa, gabou “a valentía e profesionalidade” das intérpretes, nunha contorna histórica e social complexa.
A versión da mostra que se expón en Vigo presenta unha importante novidade respecto das que se puido ver en Salamanca, Alacante ou Canarias, xa que conta coa incorporación de novos materiais procedentes da colección Icoti do docente e investigador da FFT Anxo Fernández e que está integrada por máis de 300 documentos, obxectos e representacións iconográficas sobre a imaxe pública da persoa tradutora ou intérprete.