Este luns, 26 de outubro comezaron as oitavas Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial da Universidade de Vigo, que se desenvolverán ata o venres. As JAI 2020 teñen por primeira vez un formato virtual, como comentabamos nunha información de hai uns cantos días. Participan no evento unha trintena de empresas, 75 relatores e haberá máis de 40 horas de intervencións técnicas en sesións de 30 minutos.
No acto inaugural interviron representantes dos ámbitos empresarial, académico e institucional, incidindo todos os discursos na importancia da automatización e da dixitalización e na necesidade de aproveitar as oportunidades que a pandemia pode ofrecer para impulsar sectores produtivos máis competitivos e xeradores de máis emprego de calidade. Ademáis de Ernesto Pedrosa –presidente do Consello Social, estiveron presentes o reitor Manuel Reigosa, Ana Mejía –concelleira de I+D do Concello de Vigo–, David Regades –delegado do goberno de España da Zona Franca de Vigo–, Fernando Guldrís –director do IGAPE, Muñoz Codina –director do Clúster Ibérico de automoción e da planta de Zaragoza de Groupe PSA–, Roberto Cavallo –director xeral de Denso Sistemas Térmicos–, Luis Moreno –director xeral do CTAG–, Justo Sierra –presidente de Asime– e Jesús Ángel Lago –director de Aimen–.
O Consello Social colabora coa iniciativa e polo seu interese publicamos a seguir a intervención do presidente, Ernesto Pedrosa:
Agradezo moi especialmente estar hoxe aquí, porque estas Xornadas son a conexión máis perfecta que poida darse cos obxectivos do Consello Social da UVigo, ao que represento. Porque son un exemplo do ecosistema de innovación e transferencia, porque son un modelo do valioso intercambio entre a universidade e a empresa, e porque son un reflexo do aproveitamento que reporta aos cidadáns a coexistencia entre a tecnoloxía, os profesionais e a sociedade.
E aínda engadiría un factor máis: a apertura de escenarios para o desenvolvemento do talento e para a formación dos alumnos en coñecementos que fundamentarán o futuro na automatización e dixitalización industrial. Con especial motivo nunha contorna no que a progresión crecente de sectores industriais cun elevado nivel de automatización nos seus procesos (como o automobilístico, naval, conserveiro, pesqueiro, granito e papel, por citar os máis destacables) fomentaron o rápido crecemento e expansión que demandan, para a súa actividade diaria, a presenza de técnicos e especialistas que dispoñan de coñecementos avanzados en relación coas tecnoloxías modernas de automatización industrial.
Pero estas Xornadas van moito máis alá de achegar capacitación e excelencia. Porque contribuirán tamén a marcar o futuro e as posibilidades dos máis novos, e a súa influencia e repercusión será determinante para alargar o horizonte da linguaxe e ampliar os nosos universos persoais de comprensión do mundo, e por tanto son igualmente beneficiosas para transformar e actualizar o modo de comunicarnos, como ben se desprende dunha lectura do programa.
Estas son algunhas das razóns polas que o Consello Social non podía quedar á marxe desta iniciativa.
Son momentos de cambios tecnolóxicos masivos. E extraordinariamente acelerados. Necesitamos que a universidade se poña á fronte da nosa incertezas e das nosas esperanzas.
Os expertos lémbrannos que a imprenta de Gutenberg, no século XV, transformou completamente o mundo e os seus valores ao democratizar a lectura. E afirman que hoxe están a suceder ao mesmo tempo uns 20 impactos dese mesmo calado. A neurociencia, a intelixencia artificial, a nanorobótica ou o blockchain son algúns deles.
Estas tecnoloxías están a cambiar os nosos códigos, o noso nivel de esixencia de respostas e o papel das institucións….e por tanto da sanidade, dos sistemas legais ou da educación, que estamos a ver lentos e desbordados polos acontecementos agora que o virus deixou ao descuberto a súa fuselaxe. Dicía o profesor Arias na apertura oficial do curso da UVigo que as instituciones máis lentas están a ser substituidas polas que van máis rápido. É un proceso ineludible no que a aprendizaxe non debe deterse.
Por iso celebramos que aquí se forxen avances e se expóñan de forma fundada e sustentable. E celebramos tamén que esta Escola nos coloque como territorio vinculado a ela na proa da exixente viaxe que estamos obrigados a facer, con recursos para avanzar e garantías de que se usan, aproveitando as súas vantaxes e exhibindo as súas fortalezas.
Xa só polo elevado nivel deste evento, o prestixio dos relatores e o atractivo do programa, habería que felicitar ao profesor Nacho Armesto. Pero non só. Tamén o seu esforzo organizativo –xa complexo de seu e agravado nas actuais circunstancias– e pola ambición dos seus obxectivos, son merecedores da nosa felicitación sincera. Fannos sentir orgullosos desta universidade, polas súas prestacións e as súas sensibilidades. Pero, sobre todo, fan que nos sintamos esperanzados como cidadáns ante o futuro.
Reciban o agradecemento do Consello Social que represento. Seguiremos con atención.