Os estudantes da asociación CES-UVigo calculan que a finais de marzo poderán botar o Boeiro I, trimarán propulsado con enerxía solar. A embarcación bautizada co nome dun dos illotes do arquipélago das Cies – que podería á súa vez vir de “boeiro” ou “boieiro”, un dos nomes da ave mariña Puffinus puffinus, pardela furabuchos ou furabuchos atlántico– é un proxecto que conta con apenas dous anos de percorrido produto da idea dun grupo de estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións apoiados pola empresa Marine Instruments.
O seu seguinte obxectivo é facer un primeiro test do funcionamento da embarcación e facelo coa marxe temporal suficiente para que a embarcación chegue a comezos de xullo, data fixada para a súa estrea na Mónaco Energy Boat Challenge, en condicións óptimas, alcanzando o maior rendemento en termos de potencia, eficiencia e velocidade. Nesta competición enfrontaranse a 35 equipos de 20 nacionalidades que baixo a organización do Yacht Club de Monaco promove estimular a creatividade, tanto das enxeñeiras e enxeñeiros que están en proceso de formación, como da propia industria, de cara a desenvolver métodos de propulsión utilizando enerxía limpa.
O proxecto Boeiro conta coa colaboración do Consello Social, de Marine Instruments e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, así como de varios patrocinadores máis, pero dados os altos custos de fabricación e de participación nos eventos internacionais están á busca de novos apoios.
Pódese saber máis da Asociación e dos seus proxectos na súa web