Se o recoñecemento é un sentimento para agradecer un ben recibido… Se a exaltación é un acto de encomio cara unha persoa ou feito de gran valor e honra… Este é un acto de recoñecemento e exaltación ao máximo nivel posible.
E se a xenerosidade é o que nos impulsa a dar sen recibir nada a cambio… entón este non se pode definir como un acto xeneroso. Porque todos, absolutamente todos os aquí reunidos achegaron nalgún momento á causa que nos convoca… e se o esplendido é o que destaca polas súas cualidades extraordinarias… e se a xustiza é dar a cada un o que lle corresponde… este si que é un acto espléndido e un acto profundamente xusto… É a universidade na súa máis alta expresión. Solidaria. Sensible. Lúcida… Onde a xenerosidade fórxana e reside en quen lle entregan o seu tempo e as súas ideas á universidade, movidos por ese material tan resistente como imperceptible que é o afecto.
Por iso a miña intervención podería resumirse nun simple GRAZAS! A todos e cada un dos aquí reunidos.
O Consello Social, ao que represento, atopa hoxe aquí un sentimento vertical cara os seus obxectivos e afáns. Unha ocasión excepcional coa que se identifica como quizás nunca antes fixo, nas máis de tres décadas de existencia.
Pasamos moitos anos botando alicerces e soñando este acto. Entregámoslle un compromiso inequívoco, constante e ata obstinado por momentos. O camiño non o fixemos sós, houbo achegas imprescindibles, valiosas e impagables. En todos os niveis e en todas as intensidades. Non podo hoxe citar a ninguén en concreto, primeiro porque as grandes obras cando toman forma son tarefas colectivas; e segundo porque a relación de benefactores non se detén. Crece día a día. E mañá haberá máis. Sería inxusto facer reconto só ata hoxe.
Non oculto que gardo nomes determinados na miña memoria, sen os que non empezariamos, sen os que non seriamos quen, e sen os que non estariamos hoxe aquí. Pero o destino e o guión deste acto quixoque poida citar xustificadamente a un, no que poderei simbolizar a homenaxe e o recoñecemento a todos os demais:
José María Franco Garcia!!!
Con el comezou o Consello Social este labor de confluencia, un día de 2010. E hoxe, 13 de xullo de 2022, a UVigo, a súa universidade, á que José María tanto lle deu, noméao e recoñéceo como Alumni honorífico. O primeiro Alumni honorífico da historia.
É esta unha data que se manterá na memoria da Universidade e estará entre os seus fitos máis sinalados. Os egresados son o mellor camiño para que a universidade creza en aprezo, en confianza e en valoración social. En relacións, influencias e afectos. E entre eles están tamén os mellores guías para que a universidade poida adecuar os seus plans e os seus ritmos ao pulso real das necesidades e as oportunidades que existen fóra das aulas.
A Comunidade Alumni é sobre todo unha iniciativa fertilizadora, un extraordinario foco de visibilidade e un valiosísimo aval polo reflexo de frutíferas carreiras, éxitos profesionais, brillantes currículos e excelentes traxectorias. A Comunidade Alumni fai marca e crea reputación da UVigo. E constitúe, á fin, o maior e mellor corpo diplomático repartido polo mundo que poida ter unha universidade. A todos os hoxe aquí presentes, tamén, grazas.
Por todo e por tanto, parabéns, José María. Aínda que creo que a mellor felicitación que podo transmitirche hoxe sería referendar que o recoñecemento que recibes –como dicía ao principio– é un espléndido exemplo de que este é un acto xusto. Ou mellor aínda: un acto de xustiza. Porque poucas veces unha homenaxe chega a ser tan merecida.
Moitas grazas. Parabéns a todos os premiados neste acto. E longa vida aos Alumni.
13 de xullo de 2022