BIXO é a misión que levará a termo UVigo SpaceLab, un proxecto clave para entender o impacto da exposición prolongada ao ambiente espacial de organismos vivos e así, comprender os efectos nocivos que podería ter dita exposición tanto nos humanos, como nos organismos que nos acompañan. Para lograr este obxectivo, trasladarán ao espacio cultivos bacterianos en tarxetas de milifluídica a bordo dun satélite de pequenas dimensións denominado CubeSat.
O experimento, unha vez en órbita, terá unha duración de 9 meses –que é aproximadamente o tempo que se tardaría en realizar unha viaxe da Terra a Marte na actualidade–. Isto permite estudar como estes procesos difiren respecto a como se producen na Terra e como poden afectar ao comportamento dos microorganismos a curto e medio prazo.
Corenta estudantes da Universidade de Vigo están integrados en UVigo SpaceLab, do que o Consello Social é un dos principais colaboradores. Traballan para enviar o satélite e o experiemento ao espazo en 2024 nun lanzamento operado pola China Academy of Launch Vehicle Technology. A confirmación producíase en París, o día 21 de setembro, diante de máis de 6500 delegados e delegadas que asistiron á 73ª edición do International Astronautical Congress(IAC) 2022, o principal encontro anual da International Austronautical Federacion (IAF), no que empresas líderes mundiais presentaron, entre os días 18 ao 22 de setembro, as súas novidades, ao tempo que se desenvolven sesións plenarias, conferencias e reunións. Ao abeiro do congreso, fíxose pública a resolución da primeira edición do IAF-CSA Space Universities CubeSat Challenge (IAF-CSA SUCC), o concurso organizado pola IAF en cooperación coa Chinese Society of Astronautics (CSA) e a Dalian University of Technology (DUT) para o lanzamento gratuíto dun cubesat. Universidades de todo o mundo participaron no concurso que finalmente recoñeceu como mellor deseño de misión, para a súa posta en órbita, a BIXO, de UVigo SpaceLab, que será lanzado nun foguete Long March ou Smart Dragon Series, operado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento. Será este o quinto nanosatélite enviado ao espazo polo alumnado da UVigo.