Actos do presidente

O presidente do Consello na sinatura do convenio entre UVigo, Xunta e empresas do sector para lanzar o Grao en Enxeñaría da Automoción

2023-04-12T13:45:31+00:003 de Abril de 2023|Actos do presidente, Novas|

A UVigo converterase o vindeiro curso 2023-204 na primeira universidade galega en ofrecer un Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual, no que a totalidade do seu alumnado desenvolverá os 48 créditos do último curso, 36 de contidos formativos e 12 correspondentes ao Traballo Fin de Grao (TFG), en empresas do sector da automoción. A implantación e desenvolvemento da titulación, que se atopa neste intre pendente do visto e prace da Secretaría Xeral de Universidades e da aprobación da Axencia de Calidade de Galicia (Acsug), é o obxecto do convenio que na mañán do luns 3 de abril asinaron, nun acto celebrado no edificio Redeiras, Xunta, UVigo e sector da automoción, representado por Stellantis, Ctag (Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia) e Ceaga (Cluster de Empresas de Automoción de Galicia). A sinatura tamén contou coa presencia do presidente do Consello Social da UVigo, Ernesto Pedrosa.

O novo grao con mención dual ofertará 20 prazas de novo ingreso ao seu alumnado, que cursará durante catro anos un total de 240 créditos ECTS. Logo dunha formación, nos primeiros cursos, nas bases científicas e tecnolóxicas da enxeñaría, no derradeiro ano, o estudantado desenvolverá os 48 créditos que lle restan, 36 de contidos formativos e 12 correspondentes o Traballo Fin de Grao (TFG), en empresas do sector da automoción, mediante a modalidade de formación dual, o que permitirá ás e aos futuros graduados realizar 1200 horas de formación no ámbito empresarial, que equivale ao 20% do total da titulación, e a distingue dos graos que carecen de mención dual.

O reitor da UVigo, Manuel Reigosa; o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o director de Stellantis, Ignacio Bueno; o director xeral do Ctag, Luis Moreno e o xerente de Ceaga, Alberto Cominges, foron os encargados de asinar o convenio, que regulará os termos do desenvolvemento da implantación e seguimento da titulación e do programa de formación dual do estudantado na titulación, así como a súa adecuación ás demandas do sector da automoción en Galicia, que representa o 14,3% do emprego directo industrial en Galicia, con preto de 25.000 persoas empregadas, sen contar os empregos indirectos. Cunha facturación en 2020 de 10.450 millóns de euros, case o 17,8% do PIB galego, a automoción destina 7265 millóns de euros ao mercado exterior, preto do 35% do total de exportacións de Galicia.