Actos do presidente

A Conferencia de Consejos Sociales de Universidades españolas celebra as súas xornadas de outono na Universidad de Málaga

2023-11-27T13:14:32+00:0027 de Novembro de 2023|Actos do presidente, Novas|

A Conferencia de Consejos Sociales de Universidades –que acolle os consellos de todas as universidades públicas e os órganos de representación de universidades privadas– considera que a volta a un só Ministerio que una ciencia e universidades é “esperanzadora”. Así se afirmou no marco das xornadas de outono que a institución celebra na Universidade de Málaga.

A inauguración contou coa participación do Consejero de Universidad, Investigación e Innovación da Junta de Andalucía, José Carlos Gómez Villamandos; o reitor da Universidad de Málaga, José Ángel Narváez; o presidente do Consejo Social da Universidad de Málaga, Antonio Luís Urda; e o alcalde de Málaga, Francisco de la Torre. Nas xornadas tamén estiveron presentes o presidente, Ernesto Pedrosa e o secretario do Consello Social da Universidade de Vigo.

Os asistentes destacaron a importancia de traballar de maneira coordinada para mellorar a achega das universidades ante os retos que afrontan e para o que se conta cunha lei, a LOSU, que, afirmou o Consejero, “non lle gusta a ninguén”. Ante iso, ábrese o reto de aproveitar as posibilidades que ofrece para o seu desenvolvemento a nivel autonómico. “É moi importante”, sinalou Antonio Abril, presidente da CSS, “traballar xunto ás CCAA para dar pulo á excelencia do sistema universitario”. Pola súa banda, tanto o alcalde de Málaga como o presidente do Consejo Social da UMA resaltaron a achega das universidades na súa contorna social e a importancia de seguir impulsado a innovación.

A CCS mostrouse moi crítica co texto final da LOSU porque “non aborda as reformas estruturais que necesita a universidade española”. Ao mesmo tempo, manifestou o seu apoio á Lei de Ciencia aprobada tamén a pasada lexislatura e que segue as pautas marcada polo informe da OCDE sobre a transferencia de coñecemento en España. “Coas limitacións que marca a LOSU ábrese nesta nova etapa un raio de esperanza para traballar aliñados na mellora da excelencia universitaria, en xeral, e dos medios e capacidades dos Consellos Sociais”. Nesa liña resaltou a importancia do desenvolvemento autonómico da LOSU que deben acometer agora as Comunidades Autónomas como unha oportunidade para introducir cambios en materias significativas que a lei deixa nas súas mans, así como nos novos estatutos que deben redactar os propios centros.

Durante as xornadas, organizadas pola CCS xunto ao Consejo Social da Universidad de Málaga, abordáronse os retos presentes e futuros da universidade española, o impacto económico da aplicación da LOSU e a formación dual, entre outros asuntos relevantes.