A misión biolóxica espacial BIXO, impulsada pola agrupación de estudantes UVigo SpaceLab, e apoiada polo Consello Social, segue dando pasos importantes ao seren quen de realizar a ensamblaxe do modelo de voo de Totem na estrutura do satélite. Para o equipo, formado por arredor de 40 estudantes de diferentes titulacións, este é un gran salto adiante xa que é o primeiro subsistema do cubesat que reciben para o proxecto, achegado neste caso pola spin-off da UVigo, Alen Space.
Tamén, o martes 19 de decembro, no marco dunha visita institucional da Axencia Galega de Innovación, a súa directora, Patricia Argerey, xunto co reitor, puxeron unha “primeira pedra simbólica” deste proxecto, que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial co lanzamento dun satélite tipo cubesat. O percorrido polas instalacións de UVigo SpaceLab na EE de Telecomunicación e no centro de investigación CINBIO, incluíu a visita á sala limpa, onde se realizou a ensamblaxe do modelo de voo de Totem. Argerey felicitou o equipo de UVigo SpaceLab polo seu “talento” e por realizar un traballo “tan impresionante” nun proxecto que require “colaborar con tantas organizacións e empresas”, poñendo en valor a capacidade que teñen para explicar e transmitir o que están a facer.
O máis pequeno satélite posto en órbita con carga biolóxica
Manuel Diz e Guillermo Calvo, membros do equipo de coordinación de UVigo SpaceLab, explicaron ás autoridades que a finalidade do proxecto é que “o satélite BIXO sexa enviado ao espazo cunha carga biolóxica e estudar como lle afecta a microgravidade e a radiación á exposición prolongada ao ambiente espacial”. O equipo de estudantes encárgase tanto da parte biolóxica como da tecnolóxica, desenvolvendo, como detallaba Diz, dende “a estrutura do satélite ata o ADCS (sistema de control de orientación e actitude do satélite), a cámara, o software e a antena de banda S e amosaron na presentación varios prototipos e maquetas da misión. Outra parte dos subsistemas son achegados polas empresas patrocinadoras e colaboradoras.
Na presentación, Diz lembrou que BIXO é o satélite máis pequeno que se quere pór en órbita con este tipo de cargas biolóxicas, xa que ata o de agora a NASA e o resto de axencias que desenvolveron satélites deste tipo fixérono cun tamaño maior, é dicir, cun formato cubesat 3U (30X10X10 cm) e desde UVigo SpaceLab farano en 2U (20x10x10 cm), o que supón un reto adicional polo compacto que será todo o sistema. Ademais, Diz tamén anunciou que, aínda que o lanzamento estaba previsto para o vindeiro 2024, finalmente tomouse a decisión de aprazalo a 2025, co obxectivo de completar os trámites de operador da Universidade de Vigo e asegurar as licenzas de radiofrecuencia necesarias para unha operación legal dende a futura estación terrea.
Despois da presentación do proxecto, a comitiva trasladouse á sala limpa da EE de Telecomunicación, onde se puido ver unha demostración realizada polo responsable do Departamento de Comunicacións de UVigo SpaceLab, Pablo Fernández, do funcionamento do modelo de enxeñaría de Totem, o módulo de comunicacións proporcionado pola empresa Alén Space que levará abordo BIXO e ambos realizaron a ensamblaxe do modelo de voo de Totem na estrutura do satélite, comezando así a colocación da primeira “pedra” desta misión.
A directora de GAIN tamén visitou o CINBIO
No CIMBIO Argerey foi recibida polo director, Miguel Correa, e polos responsables do grupo FunNanoBio, Isabel Pastoriza e Jorge Pérez Juste, e o investigador Gustavo Bodelón. Nesta parte da visita, Xavier de Rada, membro do Departamento de Microfluídica de UVigo SpaceLab, realizou unha electroporación en tempo real, mentres explicaba os aspectos biolóxicos da misión, como o tipo de bacteria que se enviará ou o método de medición. Ademais, o CEO do equipo, Manuel Diz, tamén explicou o proceso de fabricación dos chips microfluídicos que levarán ás bacterias a órbita para estudar posteriormente o seu crecemento no espazo.