A novena edición do HackForGood, un dos hackatóns máis populares, celebrouse de xeito simultáneo en 25 de universidades de 16 cidades de todo o Estado. Está organizado pola Rede de Cátedras Telefónica e conta coa colaboración do Consello Social.
Este evento promove que o estudantado universitario traballe en equipos na procura de solucións innovadoras a retos sociais relacionados coas necesidades das persoas e facendo fincapé nos Obxectivos de Desenvolvendo Sostible, ODS. O lema desta edición é Imaxinemos un mundo máis sostible. En Vigo, a competición tivo lugar entre o xoves 14 e o sábado 16 no Teatro Vidal Bolaño do campus, onde 60 estudantes de diferentes titulacións da UVigo responderon á chamada do HackForGood.
O hackatón comezou o xoves pola tarde, coa presentación dos equipos e un relatorio do profesor da UVigo Javier Rodeiro titulado Da idea ao produto. Nos seguintes días, os equipos traballaron nas súas propostas, que presentaron ao xurado o sábado á tarde.
Sostibilidade, saúde, enerxía e accesibilidade
En total os equipos traballaron en 11 proxectos de innovación tecnolóxica e social, que abranguen diferentes eidos, como ecoloxía e a sostibilidade, a saúde, a accesibilidade ou a xestión da enerxía.
Un grupo formado por estudantado de Enxeñaría Industrial nas especialidades de Mecánica e Electrónica, deseñou un dispositivo para axudar, por medio de vibracións e cunha perspectiva de 360º, ás persoas con discapacidade visual nos seus desprazamentos. Mentres, outra proposta pasa por deseñar “un camiño neuronal, unha especie de exosistema neuronal” que axude ás persoas con problemas de mobilidade.
Outro equipo optou por crear unha pulseira de localización e fíxoo a raíz dunha enquisa que realizaron entre 110 estudantes que os deixou moi preocupados: a metade recoñecía ter sido vítima de algunha agresión na rúa, como intentos de roubo ou agresión sexual, etc. A pulseira permitirá enviar a localización premendo un botón, pero tamén se poderá programar para facelo “repetindo unha palabra varias veces, para casos nos que a persoa usuaria estea inmobilizada”.
50.000 euros en premios
HackforGood conta con tres niveis de competición: un local, cun equipo gañador en cada sede; outro nacional e unha última fase que se celebra meses despois, na que compiten os tres equipos gañadores nacionais e o primeiro equipo gañador de cada sede ou cidade. A dotación total entre todas estas categorías ascende a 50.000 euros. No caso de Vigo, o proxecto gañador da fase local recibirá 1000 euros, o segundo clasificado 600 euros e o terceiro 400 euros. Ademais, a organización tamén outorga catro premios temáticos, dotados de 500 euros cada un, aos mellores proxectos de innovación enerxética e ambiental; de innovación social, de innovación e responsabilidade social empresarial e, finalmente, de transformación dixital.
BATCH-E, que recupera enerxía dos lombos das estradas gaña a fase viguesa
O sábado á tarde chegou o momento de que os 11 equipos participantes presentasen as súas solucións tecnolóxicas cun fin social. O xurado, tras avaliar os proxectos dos preto de 60 estudantes da UVigo inscritos, decidiu conceder o primeiro premio a BATCH-E, unha proposta para “engadir un novo uso aos lombos” que, como explican os impulsores, se basea “nun modelo de resalto capaz de aproveitar a enerxía dos vehículos para xerar electricidade e empregala para mellorar a contorna viaria”.
O segundo premio foi para Soil4Good, unha ferramenta de asistencia a agricultores para cumplimentar formularios regulatorios mentres que o terceiro foi para Neuro Bridge, unha proposta para axudar ás persoas con mobilidade reducida, debido á perda de conexións neuronais. Estes tres traballos recibirán 1000, 600 e 400 euros respectivamente, e optarán tamén aos premios nacionais, dotados de 2000, 1000 e 500 euros. Na fase estatal mediranse aos gañadores das outras 24 universidades que participaron simultaneamente nesta edición do HackForGood. Ademais terán a posibilidade de continuar cos seus proxectos durante uns meses para poder logo presentalos aos Premios HackForGood Big Day, que se celebran dentro dun ano na sede de Telefónica en Madrid e que reparten tres galardóns de 6000, 2000 e 1000 euros.
Premios temáticos
Ademais dos tres primeiros premios, o HackForGood outorgou tamén catro premios temáticos, dotados de 500 euros cada un.
O premio ao mellor proxecto de innovación enerxética e ambiental foi para Phykos, unha proposta de estudantes de Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica, que se basea no uso de algas para reducir a pegada de carbono. Segundo explican poderían producir máis de 60 toneladas de microalgas ao ano para reducir o equivalente de emisións de 100.000 persoas aproximadamente.
No eido da innovación social o proxecto galardoado é Cosechando Bienestar Social, que propón a creación de hortas sostibles e inclusivas para persoas con baixos recursos económicos e problemas de acceso a alimentos, favorecendo tamén a reinserción laboral.
En innovación e responsabilidade social empresarial, o xurado premiou a Byte Busters, iniciativa que propón a implementación de etiquetas RFID nos produtos de alimentación que permitirían xestionar información relacionada coa caducidade ou realizar inventario das unidades.
Finalmente, en transformación dixital, o proxecto premiado foi Clean Forest, que propón aproveitar as parcelas forestais abandonadas ou en desuso xerando os créditos de carbono que as empresas precisan, de xeito que as ganancias por esas ventas investiríanse na recuperación de máis parcelas.