Organizamos e convocado este acto para presentar un libro co relato dunha vida dedicada ao oficio máis nobre e fermoso: a docencia. Non se trata dunha autobiografía. É o testemuño persoal de catro décadas de historia da educación superior e da política universitaria en España e Europa. Un libro, por certo, incluído pola prestixiosa plataforma-web · Educación 3” no seu acreditado ranking de favoritos, de entre todos os editados en 2023.
É unha honra presentar a Francisco Michavila, o seu autor. Exemplo de xeneroso, perseverante, avanzado e irrenunciable compromiso coa universidade. Personalidade de talante aberto, criterio claro, fineza máxima e coñecemento profundo e sereno dos asuntos universitarios. E eu diría que cunha máxima na súa vida: encher baleiros que ten a universidade. Con Europa como gran referencia e atmosfera omnipresente.
Seguro que o meu bo amigo Michavila estará a pensar, como acostuma a dicir o ilustre e humilde investigador galego Carracedo, que isto que digo se trata dunha esaxeración total dos seus méritos “pola deformación da realidade debida ao afecto”. Pois quizá, pero curto quedo. Porque ten o don de mirar máis dentro e máis lonxe. E tamén porque co seu maxisterio apréndenos que a mellor maneira de evitar que as condicións adversas crezan e nos fagan peores é combaténdoas día a día, con naturalidade, mirando sempre con altura e coa inesgotable enerxía de quen constrúe paraísos sen outro fin na vida. Como fixo el estas últimas décadas.
Eu conféso que son partidario de non aceptar con carácter xeral unha visión pesimista das universidades. Universidades mellores propiciarán sociedades mellores, universidades que sexan fábricas de solucións, que teñan “a capacidade e a responsabilidade de cambiar o mundo”, como lle ouvín dicir recentemente a un Reitor. Universidades –e utilizo unha referencia obrigada de da profesora Helena Nazaré–, que non teñen que ser torres de marfil nin pozos de petróleo, senón faros que nos guíen, que é o que toca agora, e “que sexan potencias éticas da vida”.
Nestes tempos, nos que ás universidades todo o mundo lles fai colonoscopias, nós decidimos fixarnos antes na fisiología que nas deformidades patolóxicas. Porque a universidade é necesaria. Así que a Francisco Michavila, exemplo lúcido, indestructible e avanzado de compromiso coa universidade, grazas. As reflexións que nos presenta hoxe son dunha extraordinaria importancia, porque están apoiadas por miles de horas de traballo xeneroso, de procura, de rozar terreos ás veces por igual tan inexplorados como imprescindibles. Argumentos sempre novos, sempre robustos, sempre visionarios.
Grazas tamén ao reitor Manuel Reigosa e ao alcalde Abel Caballero (ausente hoxe deste acto por obrigacións sobrevindas). Así que grazas tamén á concelleira de Educación Olga Alonso, cuxa presenza me alegra especialmente porque foi membro do Consello Social da UVigo alá por 2008 – 2009. Grazas por acompañarnos neste acto, por aceptar a invitación do Consello. Pero sobre todo por pór á universidade e á cidade de Vigo no camiño polo que pasan os afectos e os valores. Ten sentido. Porque si o que se aprende nas aulas é importante, aprender en contornas virtuosas e sensibles como esta que nos convoca dótanos das certezas e fortalezas. Tanto o reitor como os responsables do Concello e o propio Michavila teñen en común que se afanan silenciosamente en que vivamos en espazos máis humanos, máis habitables, e que teñamos a oportunidade de ser mellores cidadáns, instruídos e educados en sentido literal.
Os membros da mesa son posuidores dun don compartido: alí onde case todos veriamos as universidades ante un horizonte tan fatigoso e ameazante como a travesía por un deserto, vostedes prefiren ver un espazo, sabedores de que os espazos se cruzan. Posúen esa potencia de pensamento positivo.
En situacións como esta, rescato o recordo do exemplo dos dous canteiros que estaban na praza do Obradoiro e un día preguntáronlles que estaban a facer. Un dixo picando esta pedra dura que cansa; e o outro respondeu eu estou a facer unha catedral. Da liñaxe deste último, humildes, animosos e transcendentes, son os nosos invitados presentes na mesa. E así debemos recoñecelo.
Amigo Michavila, estou convencido que para a Universidade será de enorme proveito este libro. Presinto que a súa lectura axuda a transformar a existencia mesma da universidade, ensancha a súa lexitimidade social e determina a súa rendibilidade pública
Para a sociedade tamén será importante, porque as súas conclusións axudarán a estimular o compromiso e a confianza na institución universitaria.
Anímense a lelo, porque sentirán que entran nunha nova dimensión. Se non fose así, quedará como consolo a afirmación do filósofo Johann Wittgenstein: “merece a pena subir pola escaleira para mirar por encima dun muro tras o que quizá non haxa nada que ver…pero aínda así, a viaxe fíxonos máis sabios”.
Agradézolles moito a todos os presentes que elixan estar hoxe aquí.
Vigo 17 xaneiro 2024