Este Pleno aborda acordos e propostas con informe favorable da Comisión de Actividades e Servizos e da Comisión Económica. Con asuntos destacados, importantes e que terán efectos ao longo do próximo ano, nuns casos, e outros novos, e igualmente importantes, como é o caso do informe sobre o progreso e rendemento académico do estudantado da universidade, que vén a este pleno por primeira vez, a través da vicerreitora Natalia Caparrini, e a organización en Vigo da reunión anual da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades españolas, prevista para os próximos días 12, 13 e 14 do próximo mes de abril, á que están todos vostedes convidados.
Para participar ou asistir, e para coñecer o programa, os relatorios e todo o referido a esta cita, na que esperamos reunir a gran parte dos consellos sociais españois, poderán inscribirse na web creada a pé feito para estas Xornadas, premendo na ligazón que se lles enviou e onde iremos actualizando toda a información correspondente. En esencia podo concretar que abordaremos a evolución dos consellos sociais nestes 40 anos que cumpren de vida, precisamente en 2023. Abordaremos tamén unha retrospectiva sobre a relación entre o coñecemento, as universidades e o camiño xacobeo. E unha prospectiva sobre o futuro das universidades no marco integrador de Europa. Outro tema a desenvolver son as novas liñas que sinala a LOSU como cometidos dos Consellos Sociais. Introduce o compliance ou o cumprimento dos principios éticos e de integridade académica, así como as directrices antifraude, cuxa vixilancia asigna aos consellos sociais, cuestións “que son moi complexas e exactamente iguais e obrigatorias para as empresas que, se non se cumpren, poden derivar nunha responsabilidade penal corporativa”.
Xa ven que desde o anterior Pleno, o escenario das universidades cambiou substancialmente. E tamén o dos consellos sociais. Hai unha nova Lei orgánica para o sistema universitario, aprobada o pasado 9 de marzo e pendente de publicación no BOE. Tempo haberá para facer as valoracións, efectuar as análises e medir os efectos e as consecuencias do novo texto, que de entrada foi recibido con moitas reservas, certa desconfianza nalgúns sectores e abertas críticas desde a Conferencia de consellos sociais.
Pero unha vez que o camiño está andado e a lei en vigor, evitareilles a melancolía de lamentar o que xa non ten remedio, e optarei por ver o lado positivo:
Esta Lei introduce nas seus 100 artigos, algunhas cuestións novas como os plans de igualdade, criterios xerais para garantir a calidade do sistema universitario, innovación na docencia, participación do alumnado no deseño dos plans docentes, a posta en marcha das microcredenciaiss ou microtítulos, ou a formación ao longo da vida, é dicir, ter unha oferta de estudos de carácter non oficial para estudantes de todas as idades.
Incorpórase un concepto novo, a ciencia aberta ou ciencia cidadá, para ampliar o número de publicacións universitarias que poden ser accesibles para a cidadanía.
Sobre os Consellos Sociais españois, o artigo 47 da LOSU expón que serán regulados por unha Lei de cada Comunidade Autónoma e será o encargado de aprobar o Plan Plurianual da Universidade e de realizar o seu seguimento e seguirá tendo competencias na aprobación dos orzamentos e as contas anuais da universidade.
Así pois, chegan tempos moi importantes para a misión dos Consellos sociais, porque a nova Lei deixa un amplo espazo de actuación ás Comunidades autónomas, e moitas portas abertas que permitirán negociar e definir o alcance das nosas competencias, da nosa conformación e da capacidade que terá a sociedade no goberno e na xestión das universidades. Aí temos que enfocar a partir de agora os nosos esforzos e os nosos afáns, porque os Consellos sociais serán o que poidamos conseguir nesa negociación.
Non se nos oculta que a LOSU ten defectos e é insuficiente para as expectativas que tiñamos. Pero en troques queda aberto moito campo de mellora. Toca traballar e a administración autonómica atopará en nós interlocutores leais para buscar mecanismos que posibiliten impulsar o exercicio activo das funcións que debe exercer a sociedade na súa universidade, e para axudar a conseguir unha universidade de excelencia.
Aínda que só sexa a modo de titulares, quero deixar constancia de catro noticias que me pareceron relevantes e que deixo a modo de reflexión:
1) “As taxas da UVigo, entre as máis baratas de España”. Menos de 1.200€ por alumno. No outro extremo, hai universidades (Madrid, Cataluña e Valencia principalmente) con valores superiores aos 3.000€.
2) “A duración media dos estudos no período 2021/2022, na UVigo, foi de 4,93 anos”. Representa case un ano máis do fixado nos plans de estudo. A titulación que require máis tempo, Enxeñaría eléctrica industrial, son sete anos, coa característica de que as alumnas a cursaron nunha media de 6 cursos e eles necesitaron 7,22. E este dato aínda ten outra lectura: dos 54 graos impartidos, elas acabaron antes en 37, en tres fixérono ao mesmo tempo que os seus compañeiros, e en 14 terminaron eles antes.
3) “Tres de cada dez graduados cursan un máster ao acabar a carreira”. Son datos referidos a Galicia, pero chámame especialmente a atención que a Comunidade lidera a porcentaxe de alumnos que amplían estudos de posgrao na mesma universidade da carreira.
e 4) “En 2050, as universidades galegas ingresarán a metade de alumnos”. Dito en cifras, 12 mil alumnos acceden agora por primeira vez ás universidades; en 2050 terán que competir por só 5.000 estudantes de novo ingreso. A Xunta urxe xa promover potentes campañas de captación de alumnos de fóra.
E vou terminando. Coa felicitación a Manuel Diz Folgar, que representa os estudantes neste Consello Social, e que coordina o proxecto UVigo SpaceLab, que xa ten data para o lanzamento da súa primeira misión espacial, co obxectivo de experimentar comportamentos biolóxicos na contorna espacial.
Parabén tamén a Juan José Santamaría, que recentemente tomou posesión como académico correspondente na Real Academia de Farmacia de Galicia, cun discurso titulado “Natureza xurídica e réxime económico das reais academias”. Recoñéceselle a súa achega á Farmacoeconomía, dentro da Economía da saúde, no ámbito académico e profesional como asesor económico e xurídico, especialmente nos campos da contabilidade e a fiscalidade dun mercado tan regulado como é o de medicamentos.
E quero acabar agradecendo o seu compromiso a quen estiveron presentes en todos os plenos convocados en 2022: Silvia Crespo, Maria de los Ángeles García, Jesús Graña, Yolanda Lesmes, César Enrique Martínez, Carlos Mollinedo, Avelino Muleiro e Manuel Joaquin Reigosa. E con eles tamén a quen non puido facelo por circunstancias insalvables ou imprevistos que lles impediron asistir nalgún momento, como fose o seu desexo.
Debido a que o reitor se incorporará máis tarde a esta sesión por mor dunha convocatoria inaprazable que tivo esta mañá en Santiago, pasaremos o seu informe ao final, no que, entre outros temas, daranos conta de dúas cuestións planteadas no pleno anterior: da cesión de terreos da ETEA á UVigo, e dos niveis de ocupación e custos das actuais residencias universitarias.