Discursos do presidente

Informe do Presidente no Pleno do 31 de marzo de 2023

2024-03-20T08:52:47+00:0010 de Abril de 2023|Discursos do presidente|

Agradezo a asistencia tendo habido un pleno tan recentemente.

Esta convocatoria vén obrigada para cumprir os prazos da UVigo de entrega da Memoria do punto 5, encaixada hoxe ao termos esta única data entre o Consello de Goberno, reunido onte, e a Semana Santa. A proba de que é unha sesión inaprazable é que a convocamos en ausencia do Reitor, que non poderá asistir por ter que estar a tal hora na Coruña asinando un convenio.

Acompáñanos o vicerreitor, Alfonso Lago, ao que agradezo a súa asistencia unha vez máis (xa adoita ser habitual nos plenos), neste caso para informar sobre os puntos 4 e 5 da Orde do día.

Como novidades desde a anterior reunión debo apuntar a publicación da LOSU a pasada semana, que entrará en Vigo o próximo día 12, xusto cando esteamos a celebrar en Vigo as Xornadas de Consellos Sociais das Universidades españolas. Precisamente no programa poderían ter visto –se accederon á web– unha sesión específica sobre este tema, na que se presentará un estudo detallado de como cambia o escenario dos Consellos Sociais respecto da anterior Lei, ademais dun informe que encargamos sobre como evolucionaron os CCSS a través das sucesivas leis orgánicas sobre o ensino superior.

Informo tamén que a CCS asinou un convenio coa Red de Fundaciones Empresa para elaborar un estudo sobre a demanda competencial do mercado laboral, onde se analizarán as competencias máis demandadas aos titulados universitarios. Co resultado poderemos abordar o gran desafío da reforma permanente, e extraer información a gran escala das competencias máis demandadas polo tecido empresarial, podendo así medir o desfasamento real entre a oferta formativa e as esixencias do mercado. Tamén se detectarán novas competencias, capacidades e formas de educación para incorporalas ao sistema educativo.

Para o informe tomarase de referencia unha mostra de ofertas de emprego a nivel nacional, publicadas durante o primeiro semestre de 2023 en diversos portais web especializados na oferta de emprego.

Insisto en que este é un tema crucial porque, segundo Eurostat2,  o 40% da poboación española ten estudos superiores, e España é o segundo país da UE con maior porcentaxe de egresados en situación de desemprego. O desaxuste é evidente.

Mellorar a empleabilidad é precisamente unha das sete prioridades estratéxicas da universidade española, segundo a Fundación CyD. As outras seis son: investir máis e mellor en educación superior; aumentar a relevancia do coñecemento xerado para a sociedade; fomentar a internacionalización; mellorar o acceso e a equidad; e acelerar a transformación dixital.

Remato lembrando a celebración das Xornadas dos CCSS das Universidades españolas, dentro de 12 días, nas que trataremos sobre as universidades do futuro, os efectos da LOSU e o marco europeo como contexto global da educación superior, ademais da importancia do Camiño de Santiago no desenvolvemento do coñecemento. Reitero o convite a asistir. O programa definitivo xa está na web da que xa enviamos a correspondente ligazón.