Promovido pola Área de Emprego e Emprendemento da Vicerreitoría de Estudantado e Empregabilidade, o programa EmpregoinCampus ten como obxectivo facilitar a busca de oportunidades laborais ao estudantado da UVigo, a través do contacto directo coas empresas do seu ámbito. Tras promover nos últimos meses feiras en Vigo e Ourense, esta iniciativa continúa en Pontevedra con outro formato que abrangue, entre o 6 e o 8 de maio, unhas sesións centradas na preparación do currículo e portfolio e dunha entrevista de traballo, para completarse en setembro cunha serie de mesas de saídas profesionais. Así mesmo, este programa complementase cun obradoiro e concurso de Upcycling téxtil, a xeración de novos produtos a partir de excedentes, a cargo da emprendedora Nela Grau.
“O programa inclúe unha primeira parte con accións preparatorias, nas que daremos algunhas pautas para mellorar a busca de oportunidades laborais e unha segunda, prevista para setembro, na que se organizarán mesas específicas por ámbitos, onde diversos profesionais poderán achegar ao alumnado a realidade das súas profesións”, salientou Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento. EmpregoinCampus conta co apoio do Consello Social da UVigo, do Ministerio de Trabajo y Economía Social, da Xunta de Galicia e do programa Eures.
Emprendemento no sector da moda
Dirixido tamén a conectar o estudantado co tecido empresarial, o programa verase continúa na tarde do luns 13 de maio co obradoiro e concurso de Upcycling téxtil, que impartirá en Belas Artes a emprendedora Nela Grau, fundadora de Sekond, unha startup especializada na transformación de excedentes de firmas de moda en novos produtos, que participa actualmente na aceleradora Lanzadera. Esta iniciativa insírese na participación da UVigo no proxecto Misiones Comerciales en Femenino: Innovatia 8.3, un programa que dá oportunidades a mulleres emprendedoras para presentar os seus proxectos en universidades e centros de investigación. Esta dirixido ao estudantado do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, tamén aberta a todo o alumnado, a actividade ten un “formato de concurso, como unha maneira de potenciar a innovación e a creatividade no campus”, sinala Álvarez.
A segunda parte, en setembro
A existencia en Pontevedra dunha “porcentaxe de titulacións cuxo alumnado ten a función pública como primeira opción” e doutras “nas que a taxa de autoemprego é alta”, foron un dos motivos que levaron a que EmpregoinCampus adopte no campus un formato diferente segundo a directora da Área de Emprego e Emprendemento. Nese senso, tras estas accións preparatorias, a iniciativa completarase en setembro cunha serie de mesas de saídas profesionais, vinculadas ás diferentes titulacións. “Serán os propios centros os que propoñan os profesionais que participen e diten como queren organizar o encontro”, sinala Álvarez. Alén disto, esta serie de encontros permitirán que o estudantado coñeza “a realidade do mercado” nos seus respectivos ámbitos e o encontro directo con posibles empregadores, a través dunha serie de entrevistas de empresas e estudantes, que se farán de forma paralela aos encontros.