Colaboracións e patrocinios

O Observatorio de Persoas Tituladas da UVigo comeza un novo estudo de empregabilidade

2024-05-14T19:30:18+00:0013 de Maio de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Continúan os traballos sobre empregabilidade do Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo e fano co lanzamento dunha nova enquisa dirixida ás 3884 persoas que remataron no curso 2021/2022 un grao ou mestrado na institución académica viguesa. “Superados os 18 meses da súa saída das aulas da UVigo queremos saber como foi a empregabilidade, é dicir, se traballan, están á procura de emprego ou continúan estudos universitarios, así como a satisfacción cos estudos que realizaron aquí”, explica o director do Observatorio, Luis Espada.

O estudo conta co apoio do Consello Social da UVigo e, neste sentido, Ernesto Pedrosa lembra que a LOSU, aprobada en 2023, outórgalle a estas entidades a competencia básica de fomentar a interrelación e cooperación entre as universidades e os seus antigos alumnos e alumnas. “Pola nosa banda, nese camiño estamos desde 2014, algo para o que o traballo pioneiro de Luis Espada e Víctor M. Cacharrón é xa impagable”, explica o presidente do Consello Social, enfatizando a idea de que “Vigo encontrou unha conexión moi poderosa cos seus antigos alumnos a través deste Observatorio”.

Poden participar na enquisa todos os  ex-estudantes da UVigo que realizaron un grao ou un máster nesa promoción; en total, 3884 persoas (2865 en estudos de grao e 1199 en estudos de mestrado), aplicándose dous cuestionarios distintos con preguntas diferenciadas para un ou outros titulados. Ambos cuestionarios foron xa distribuídos masivamente por correo electrónico e tamén se pode acceder a eles, tanto na web como nas redes sociais do Observatorio. O  prazo para participar manterase aberto ata o 3 de xuño.

Información “actualizada, fiable e útil” da inserción laboral

Co lanzamento periódico deste tipo de enquisas o Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo busca coñecer con datos actualizados a inserción laboral dos antigos estudantes e tamén medir a satisfacción coa formación universitaria recibida, avaliar a relación existente entre o emprego e os estudos realizados e achegarlle á institución información “actualizada, fiable e útil” de cara a mellora dos planos de estudo.

Unha vez completado o tratamento estatístico das respostas, os resultados serán publicados tanto na web do Observatorio como na do Consello Social e no Portal de Transparencia da UVigo para o coñecemento de toda a comunidade universitaria. O último informe publicouse o pasado mes de novembro  e recolle os datos do estudo de inserción laboral do curso 2019/2020.