Discursos do presidente

Intervención do Presidente na inauguración do II Encontro Rederas

2024-05-23T18:17:41+00:0023 de Maio de 2024|Discursos do presidente|

Bo día.

Agradezo a invitación a acompañalos neste acto. Veño aquí, como presidente do Consello Social da UVigo, a darlles a benvida, e veño tamén a dicirlles que neste foro é onde mellor podo compartir a miña convicción en que a miúdo nos perdemos buscando camiños cara á comunicación da universidade, cando a comunicación mesma é o camiño. Así que teñen vostedes a miña adhesión para contribuír a fortalecer e crear unha base larga de opinión pública sensible a esta causa, porque ese é o mecanismo que fai posible a cohesión e a integración de sociedades e de grupos.

Sosteño que entre os maiores obxectivos aos que debe aspirar unha universidade están o recoñecemento, o aprecio e a confianza da sociedade que a sostén. Porque aí é onde se xogan os seus resultados e os seus recursos. Aí está a base de todo o demais. E como se consegue esa comprensión?, con visibilidade. As universidades non alcanzarán os seus obxectivos ata que consigan ser material informativo fluído e transparente, ata que a sociedade as entenda, sexa quen de  integralas, querelas e sentilas útiles. Esa é unha razón para que a Universidade se relacione máis coa sociedade, ou corre o risco de volverse irrelevante, e mesmo prescindible.

E aquí entra de cheo a comunicación como elemento indispensable. Aí están vostedes. Desde o Consello Social que presido consideramos a comunicación un compoñente esencial –xunto co estudantado e os investigadores- e, seica é aí onde reside a maior potencialidade para facer posible que a Sociedade e a Universidade forxen ese reclamado proxecto colectivo de futuro, e sen sospeitas. Ademais de asentar valores tan necesarios como sentido común e educación.

Ante vostedes podo facerme unha pregunta que me fixen xa moitas veces e sen resposta: por que as universidades –con séculos de vida- non foron quen de atopar aínda unha comunicación fluída, respectuosa, proveitosa e conveniente coa súa contorna? Desde sempre, os medios de comunicación e as actividades humanas conviviron sobre unha balanza virtual tácita de códigos convencionais e expresións de interese. E no que ás universidades se refire non atoparon a chave de paso.

E aquí estamos os Consellos Sociais, tentando axudar a abrir canles para contribuír a facer máis visible a universidade, e, por tanto, de que a sociedade a coñeza mellor, interésese e cree un clima de opinión e participación no funcionamento da educación superior, as súas necesidades, os seus recursos e o seu aproveitamento.

Sen dúbida os medios son grandes configuradores da imaxe que os cidadáns teñen do mundo e dos ámbitos que o forman.  Os expertos din que a prensa é pouco eficaz cando lle di á xente o que ten que pensar, pero é asombrosamente eficaz para dicirlle sobre que asuntos pensar. A imaxe que ofrecen os medios, por tanto, inflúe nos afectos, o coñecemento e o comportamento. Tentar que a universidade comunique máis debe ser unha aspiración inaprazable, un dos índices de calidade máis valiosos.

Admitido que a comunicación é vital, as universidades precisan todas as axudas posibles neste terreo: para facelas máis visibles, máis queridas, máis respectadas, máis coñecidas e máis próximas, para entender mellor a súa existencia, comprender o seu funcionamento, os seus resultados, os seus méritos, as súas debilidades… a súa eficacia. E, por que non dicilo, para que sexan máis importantes para todos, máis necesarias e máis influentes.

Gustaríame que existise esa militancia coa universidade, para que fose sentida como patrimonio colectivo. E xa non é só un desexo, agora é tamén unha obrigación que nos urxe atender, difundir e proclamar a nosa confianza na Universidade, porque estaremos a forxar os seus alicerces co material de máis alta resistencia: o afecto. Quizá o que máis necesitan hoxe as universidades: afecto e recoñecemento.

O punto 17 do Código europeo de Ética xornalística di que “A información e a comunicación a través dos medios e co soporte formidable das novas tecnoloxías teñen unha importancia decisiva no desenvolvemento individual e social. …para desenvolverse plenamente, a democracia debe garantir a participación dos cidadáns nos asuntos públicos … será imposible se os cidadáns non reciben a información oportuna sobre os asuntos públicos e que debe ser prestada polos medios de comunicación”.

Hai algo máis importante neste momento para o desenvolvemento individual e colectivo que a Universidade? Ou preguntado doutra maneira, nestes tempos tan desordenados e coa convivencia constantemente atacada: haberá democracia plena se a universidade non dá a coñecer a súa potencialidade e os seus valores, e se os medios non o transmiten aos cidadáns?

Penso que o gran cambio da universidade producirase coa súa contorna. Xa toca. Como o perciben os medios de comunicación?, como poden axudar?, como se lles explica aos cidadáns a nova universidade?, como se logra que a sociedade mellore as súas percepcións sobre a universidade? Por iso vostedes son importantes, mesmo necesarios.

Agradezo á vicerreitora da UVigo Mónica Valderrama o seu esforzo por organizar este encontro. Parabén ao comité organizador polo talento aquí reunido; e grazas aos participantes e aos promotores das comunicacións presentadas, polo seu compromiso, o seu esforzo e a súa convicción.

Teñen vostedes a nosa admiración e o noso recoñecemento. Pero, sobre todo, pomos en vostedes a esperanza en que constrúan o sistema de andamios dunha universidade conectada e comunicada coa sociedade que tanto a descoñece e tanto a necesita.

E aproveiten tamén para desfrutar de Vigo e a súa contorna. Teñan despois un feliz regreso aos seus destinos, pero lévense o recordo de que lles convocamos a pór as súas valiosas capacidades ao servizo dun mellor futuro para as universidades.

Moitas grazas.

23 de maio de 2024