Colaboracións e patrocinios

800 escolares e un centenar de docentes participaron na cuarta edición de Te lo cuentan las matemáticas, coa que colaborou o Consello

2024-06-19T08:52:08+00:0018 de Xuño de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Estudantes dos colexios vigueses García Barbón e Otero Pedrayo visitaron a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte para participar nos “encontros inspiradores” que pecharon á cuarta edición de Te lo cuentan las matemáticas, un proxecto do grupo de innovación docente MaReMa que busca espertar vocacións matemáticas entre o alumnado da primaria. Financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, o proxecto permitiu amosar a utilidade social e tecnolóxica das matemáticas a 800 estudantes de 16 colexios de Vigo e Pontevedra. Fíxoo a través destes encontros con investigadoras e dunha serie de obradoiros, impartidos nos diferentes colexios por preto de 70 estudantes do Grao en Educación Primaria, que previamente se formaron no desenvolvemento de actividades que mostran as matemáticas como unha ciencia comprensible e atractiva. Ao mesmo tempo, o proxecto abrangueu tamén a formación de preto dun centenar de profesores e profesoras e complétase coa preparación dun libro que reunirá os recursos deseñados para sexto de primaria.

Promovido coa colaboración do Consello Social e da Escola Aberta de Formación Permanente da UVigo, Te lo cuentan las matemáticas celebrou no campus os últimos encontros dirixidos a achegar a nenos e nenas de quinto e sexto de primaria as achegas de matemáticas de referencia e a traxectoria de investigadoras neste eido. Combinando a asistencia presencial dalgúns dos colexios participantes e o seguimento virtual por parte do resto, un destes encontros tivo como protagonista á investigadora da UVigo Ixchel D. Gutiérrez, quen abordou a figura de Maryan Mirzakhani. Esta actividade completaba o bloque de contidos Te lo cuentan los mapas, nos que, en dous talleres, as e os estudantes tiveron que buscar sobre un globo terráqueo o camiño máis curto entre Santiago de Compostela e Hong Kong e calcular a ruta máis curta entre dúas cidades. O outro encontro correu a cargo da matemática Andrea Villar, quen afondou na traxectoria de Florence Nightingale, despois de que as actividades de Te lo cuentan los datos levasen a nenos e nenas a realizar predicións que lles axudasen na elección de estratexias en xogos como o parchís e a empregar os datos na toma de decisións durante un partido de baloncesto.

Por outra banda, co obxectivo de proporcionar ao persoal docente recursos para o ensino das matemáticas, editáronse en galego os diferentes recursos dispoñibles na web do proxecto. Así mesmo, o grupo MaReMa está “na fase de elaboración de contidos” dun libro que reunirá a información dos talleres e recursos didácticos dos tres bloques de contidos deseñados para sexto de primaria. Este volume dará continuidade ao libro Te lo cuentan las matemáticas, Te lo cuentan una espía, una astrónoma y una piloto, realizado por Pérez, Gutiérrez e Beatriz Álvarez, no que se presentan os contidos deseñados para quinto curso.