Máis de 1200 académicos e académicas, investigadores e activistas, procedentes de numerosos países europeos e de Estados Unidos, Brasil, África do Sur, Xapón ou Nova Zelandia congregáronse a semana do 17 ao 21 de xuño en Pontevedra con motivo da ESEE-Decrecemento 2024, evento que engloba a décimo quinta Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e a décima Conferencia Internacional de Decrecemento. Organizado polo grupo de investigación da Universidade de Vigo Post-Growth Innovation Lab, este congreso internacional celebrou na tarde do martes 18 no Pazo da Cultura o seu acto inaugural, dando inicio a catro días de debate sobre sostibilidade económica e social, cambio climático e transición ecolóxica.
Organizada polo grupo Post-Growth Innovation Lab, xunto coa ESEE, o movemento Degrowth International e a asociación Research and Degrowth, a conferencia conta co apoio de Universidade, Concello, Xunta de Galicia, Consello Europeo de Investigación (ERC) e Consello Social da Universidade de Vigo e trátase da segunda vez que as dúas conferencias se desenvolven de xeito conxunto. É dunha das edicións con maior participación, como lembrou no acto inaugural o director do grupo, Mario Pansera. O investigador definiu como “unha gran vitoria científica” que neses días as diferentes sesións académicas acollesen a presentación de preto de 950 estudos, “o que significa que a economía ecolóxica e o movemento do decrecemento teñen algo que dicir á comunidade académica”.
Pansera lembrou tamén que ciencia, tecnoloxía e innovación son os eixes temáticos da edición, co propósito de pór o foco en que o seu desenvolvemento non poder estar ligado “a un crecemento económico infinito, que é social e ambientalmente insostible”. Neste acto interviu tamén o presidente da ESEE, Dan O’Neill, que explicou que o obxectivo desta sociedade é “mellorar o coñecemento das relacións entre os sistemas económico, ambiental e social”, cun obxectivo tanto científico como de contribuír “a mellorar a calidade de vida das persoas en todo o mundo”. A inauguración completouse coas intervencións da Universitat Autónoma de Barcelona Brototi Roy e Giorgios Kallis, membros do grupo de apoio da Conferencia Internacional de Decrecemento.
A continuación tivo lugar a primeira sesión plenaria, centrada no papel da ciencia e a tecnoloxía no contexto do decrecemento na que interviron Samer Abdelnour, da Edinburgh University, e Annapurna Mamidipudi, da Technische Universität Berlin, con Tess Doezema, da Autónoma de Barcelona, como moderadora. Un segundo coloquio propuxo unha introdución á economía ecolóxica e o decrecemento. Finalmente, a xornada inaugural completouse cun concerto do pianista Abe Rábade, centrado no seu proxecto Botánica, precedido á súa vez da conversa que o músico mantiña con Giorgios Kallis e coa investigadora do Post-Growth Innovation Lab Sofia Greaves.