Ao longo da semana do 24 ao 28 de xuño, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolleu a segunda edición do Aldaba-TIC Camp, o campus tecnolóxico de verán con perspectiva de xénero posto en marcha pola Cátedra Aldaba WIB: Women, ICT & Business. Nel, 30 nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, o 80% rapazas, participaron nunha “Misión nas Profundidades” somerxéndose no uso das novas tecnoloxías dun xeito lúdico.
A cátedra é unha iniciativa conxunta das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba e o campamento contou co apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática e o patrocinio do Consello Social da UVigo, que subvenciona a metade da matrícula. Desde o luns, nenas e nenos familiarizáronse nas instalacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática no emprego de programas de deseño e impresión 3D, robots, domotización, drons submarinos e diversas aplicacións. As actividades realizadas foron impartidas por Play Code Academy e investigadoras do campus e estiveron adaptadas ás idades e coñecementos do alumnado.
Mudar a realidade
Segundo a organización, a iniciativa foi “un completo éxito”, tanto en número de solicitantes como na avaliación que fan dela tanto familias como rapazada participante. Entre outros aspectos, destacan o feito de que o 80% das prazas do campamento reserváronse para nenas co obxectivo de que elas “poidan percibirse como maioría e o naturalicen como unha situación que pode darse na realidade, en contraposición ao que acontece nas aulas das escolas onde se imparte o Grao de Enxeñaría Informática”, onde o alumnado é moi maioritariamente masculino. Neste contexto, lembran que moitos estudos determinan que os nenos e nenas teñen un interese similar pola tecnoloxía e as matemáticas ata aproximadamente os 6-8 anos e a partir deste punto, as nenas comezan a perder interese e a sentirse menos capacitadas en matemáticas e tecnoloxía (aínda que os resultados académicos no campo son iguais en nenos e nenas).
Dado que a Cátedra Aldaba WIB é unha iniciativa conxunta das universidades de Vigo e A Coruña e da empresa Aldaba, este campamento tamén es celebra na Facultade de Informática da Universidade da Coruña en dúas quendas, a última semana de xuño, coma o de Ourense, e a primeira de xullo, contando neste caso co patrocinio do Consello Social da Universidade da Coruña.