Colaboracións e patrocinios

O Consello colabora co “9º Congreso Iberoamericano de Psicoloxía do Deporte” que reune en Pontevedra 250 especialistas de 15 países

2024-10-24T12:06:40+00:0020 de Outubro de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

Investigación, innovación e aplicación son os tres eixes que articulan o programa de conferencias, simposios e talleres do noveno Congreso Iberoamericano de Psicoloxía do Deporte, que desde o mércores 16 de outubro se desenvolveu no campus de Pontevedra, coa participación de investigadores, investigadoras e profesionais de 15 países.

Trátase dun congreso promovido pola Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte (SIPD), que preside o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Joaquín Dosil, e que conta co apoio da Universidade, o Consello Social da UVigo, o Concello de Pontevedra, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e a Deputación Provincial. Na súa primeira edición en Galicia, este foro internacional busca promover un intercambio de coñecemento que favoreza o desenvolvemento da psicoloxía deportiva en múltiples eidos, desde o traballo para a mellora do rendemento nas e nos deportistas de elite, á prevención de posibles problemas de saúde mental, pasando polo traballo coas categorías base ou polos propios beneficios psicolóxicos da actividade física.

Con ese obxectivo deseñouse, como sinalou Dosil, “un programa moi intenso”, que se desenvolveu nas facultades de Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte, sedes dun evento que celebrou o mércores o seu acto inaugural, pero que botou a andar xa o martes “coa celebración de diferentes talleres precongresuais”. Tras lembrar as diferentes iniciativas que permitiron consolidar á SIPD “coma unha das sociedade máis importantes a nivel mundial” dunha área “tan apaixonante”, Dosil destacou que o congreso suma aos preto de 250 participantes presenciais de 15 nacionalidades, o seguimento virtual por parte de investigadores e investigadores doutras cinco nacionalidades. De aí que tanto a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, como o decano de Ciencias da Educación e do Deporte, Óscar García, puxesen de relevo a importancia de que a SIPD apostase pola UVigo e polo campus “para a segunda edición deste congreso en España, o que é un fito”, como sinalou Lantarón, que salientou tamén a colaboración de diferentes institucións con este evento.

Tres días de actividade

Isabel Balaguer impartiu a conferencia inaugural

Co obxectivo de conectar a investigación académica co traballo diario dos e das deportistas, o congreso contou coa participación de conferenciantes como a catedrática da Universitat de València Isabel Balaguer, “que forma parte do equipo que prepara a Carlos Alcaraz e que é a única representante da psicoloxía deportiva na Academia Española de Psicología”, lembrou Dosil. Balaguer centrou no “clima motivacional” e na importancia que ten “a contorna social” no desenvolvemento das e dos deportistas a conferencia inaugural dun congreso que acolleu na tarde do mércores un relatorio do cubano Luis Gustavo González, quen asesorou o récord mundial de salto de altura Javier Sotomayor.

Por outra banda, as características dos adestradores de éxito foron o eixo central da conferencia que impartiu o xoves Regina Brandão, quen traballou coa selección brasileira de fútbol, mentres que o chileno Alexi Ponce centrou o seu relatorio na preparación olímpica. Finalmente os retos e desafíos da psicoloxía do deporte abordáronse na conferencia de clausura do mexicano Tomás Trujillo, que participou tamén en varias edicións dos Xogos Olímpicos xunto a deportistas e equipos do seu país.

De xeito paralelo, ao longo destas xornadas celebráronse nas dúas sedes do congreso un total de 16 simposios, con cuestións como o desenvolvemento do talento do deportista novo, o impacto psicolóxico das lesións ou as achegas da neurociencia ao adestramento psicolóxico. Así mesmo, preto de 50 investigadores e investigadoras de diferentes países deron a coñecer os seus estudos nas sesións de presentación de posters.