O profesorado que imparte Dereito Procesual nas universidades españolas ten unha cita cada ano co Memorial Manuel Serra Domínguez. Neste 2024 o evento celebróuse por primeira vez en Ourense, na Facultade de Dereito o xoves 7 e o venres 8 de novembro. Nel participan un centenar de especialistas procedentes principalmente das diferentes universidades españolas pero tamén con representación de Italia, Portugal e Brasil.
Esta décima edición do Memorial Manuel Serra Domínguez está dirixido por Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual da Universidade de Vigo, e a coordinación de Dolores Fernández Fustes, profesora titular de Dereito Procesual tamén da UVigo, e conta co apoio do Consello Social da UVigo ademais da Facultade de Dereito que o acolle. Co lema Dereito procesual e cidadanía: retos socioeconómicos e politización da xustiza, este encontro quere brindar a xuristas un foro de debate e reflexión sobre os principais desafíos que o dereito procesual está enfrontando na actualidade debido á evolución da sociedade e a economía.
A programación arrancou cunha inauguración na que participaron Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da Universidade de Vigo; Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito; Francisco Ramos, presidente da Fundación Privada Manuel Serra Domínguez, e Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual da UVigo e directora desta décima edición do memorial. Nas súas palabras destacaron a relevancia desta cita anual, a satisfacción por elixir nesta ocasión como sede a Facultade de Dereito do campus de Ourense e a pertinencia da temática elixida.
Francisco Ramos, ourensán de orixe, puxo en valor o legado de Manuel Serra Domínguez e da súa fundación. O seu memorial, lembrou, “convida cada ano ás persoas do Dereito Procesual a que falen, a que poñan en común, a que discutan, a que fagan un pouco vida académica en lembranza do profesor Manuel Serra Domínguez”. Igualmente, Ernesto Pedrosa subliñou a oportunidade deste memorial para “debater e reflexionar sobre os principais desafíos xurídicos que a evolución da sociedade e a economía presentan no campo do dereito procesual”. Pola súa banda, Susana Álvarez, tras agradecer a elección da Facultade de Dereito para acoller este evento, destacou del os “temas de especial interese que propón”, apuntando a pertinencia da súa abordaxe tendo en conta que “nos atopamos nun momento crucial que quizais condiciona a percepción pública da xustiza, o que pode afectar á súa credibilidade ante a cidadanía”.