Colaboracións e patrocinios

O proxecto de Armea, que conta coa axuda do Consello, continúa os traballos de restauración e investigación en laboratorio

2024-11-11T09:20:44+00:0011 de Novembro de 2024|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo escavou este verán, un ano máis, na ‘cibdá’ romana de Armea, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz). O equipo retoma agora o proxecto levando a cabo tarefas de restauración do xacemento e de investigación en laboratorio do material atopado nos traballos de campo.

A iniciativa é froito dun convenio de colaboración existente entre a institución académica e o Concello de Allariz e conta co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, da Deputación de Ourense e do Consello Social. O director do proxecto arqueolóxico é Adolfo Fernández e a directora de campo Alba Rodríguez, completando o equipo outros membros do GEAAT. Este proxecto é un dos que ten unha máis ampla traxectoria na arqueoloxía galega. Así, o grupo da UVigo leva desde o ano 2011 estudando este enclave, que destaca polo seu grao de conservación e polo feito de estar nunha contorna rural, sendo ademais un referente para o alumnado peninsular que cada ano busca realizar prácticas arqueolóxicas.

Materiais arqueolóxicos a procesar e estudar no laboratorio de arqueoloxía do Campus de Ourense

A última campaña de verán, desenvolvida de finais de xullo e principios de agosto de 2024, continuou cos traballos en zonas nas que se tiña escavado en anos anteriores: a domus (casa) leste, ou dos pináculos, e a domus norte, ou do hexáscele, (e zonas exteriores). Na primeira, explica o equipo do GEAAT, escaváronse por completo dúas estancias novas, que estarían datadas entre os séculos I e II d.C., así como unha posible zona de acceso dende o leste. Na segunda, os labores centráronse en recuperar niveis antigos, das ocupacións anteriores da finca da Atalaia, que datan arredor do cambio de era (séculos I a.C.-I d.C.). Na realización destas tarefas destacan “a actitude e o bo facer dos case 30 estudantes que participaron, chegados de varias universidades españolas e portuguesas”.

Ademais de atopar novos muros e pavimentos, recolléronse durante a campaña de verán unha gran cantidade de materiais arqueolóxicos (cerámicas, vidros, metais e pezas líticas) e mostras. Estes materiais están sendo agora procesados e estudados no laboratorio de arqueoloxía da UVigo do campus de Ourense e o seu estudo está servindo tamén para formar a alumnado do Grao en Xeografía e Historia da Facultade de Historia e do programa conxunto dos graos de Xeografía e Historia e Turismo interesados no traballo de gabinete con materiais arqueolóxicos. Igualmente, no marco do proxecto e no propio xacemento están a realizarse traballos de restauración dirixidos por Marta Lago Cerviño, que teñen como obxectivo “protexer as estruturas recuperadas e facer os restos máis visibles e comprensibles para os visitantes”.