O Consello Social e a UVigo conseguen de novo o selo T3 estrelas de transparencia da Fundación Haz

2024-12-09T12:50:38+00:009 de Decembro de 2024|Novas, Responsabilidade social|

O examen de transparencia 2024 elaborado pola Fundación Haz situa o Consello Social e a Universidade de Vigo nun dos índices máis altos do Estado, como se recolle na nova edición do Informe de transparencia y buen gobierno de las universidades españolas, alcanzándose o 98% dos indicadores. Renóvase por tanto o selo de transparencia T na categoría de tres estrelas, o máximo posible que concede esta fundación.

O documento analiza o comportamento de 49 universidades públicas e 26 privadas e a puntuación obtida pola Universidade de Vigo é superior á media das públicas, que é do 88% de cumprimento. Deste xeito, a institución olívica sitúase no grupo de cabeza, xunto ás universidades de Alacante, Cantabria, Jaén, Huelva, Valladolid e Rey Juan Carlos, que este ano obtiveron un 98% de cumprimento, a puntuación máis alta nesta edición.

O selo T tres estrelas é a máxima cualificación posible, para a que se require cumprir polo menos o 90% de indicadores. En total, 20 universidades públicas e tres privadas acadaron o Selo T*** neste 2024.

As universidades privadas, as menos transparentes

No informe da Fundación Haz de 2024 os centros públicos obteñen o mellor resultado global de todos os anos, co 96% cualificados como transparentes, só dous (4%) translúcidos e ningún opaco. No caso das universidades privadas, tan só unha quinta parte acada a cualificación de transparentes, o 19%, mentres que o 35% se categorizan como opacas e o outro 46% como translúcidas.

Nesta décimo segunda edición reflíctese que a información económica que publican os centros públicos alcanza un nivel de cumprimento medio do 99%, sendo este un dos eidos nos que a distancia é maior entre universidades públicas e privadas, estas últimas cun 27% de media de cumprimento.

A novidade máis destacada nesta edición do informe é a avaliación por primeira vez da área de Ética e compliance, froito da esixencia da nova Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) que, no caso das universidades públicas, asigna este labor de vixilancia e compliance ao Consello Social. Segundo se recolle no informe, este é “o principal reto ao que se enfrontan os centros públicos que deben “atribuír sen demora a supervisión desta área aos consellos sociais dotándoos das ferramentas e recursos necesarios”.