A asociación de estudantes UVigo SpaceLab, que conta coa colaboración do Consello Social, segue avanzando na súa carreira espacial. Ao tempo que continúan traballando no proxecto do cubesat BIXO, que aínda non ten data definitiva de lanzamento, acaban de embarcase nunha nova misión, CORTIS (Camera Observation & Radiation Test in Space). Esta iniciativa, en colaboración coa empresa UARX Space, permitiralles testar e comparar os resultados de cámaras e sensores de radiación que posteriormente se implementarán no cubesat BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit).
CORTIS será lanzado en xuño de 2025 como carga secundaria a bordo de OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration), unha plataforma de inxección orbital desenvolvida pola compañía galega UARX Space, que alcanzará o espazo nun foguete Falcon 9 de SpaceX.
Comparar o desempeño de sensores e cámaras
Un dos principais obxectivos do proxecto CORTIS é comparar o desempeño entre un sensor de radiación comercial COTS e outros dous sensores desenvolvidos internamente polo equipo de UVigo SpaceLab. Como explica a coordinadora do equipo e responsable do Organización e Márketing, Estela Lima, atendendo aos datos que se obteñan en órbita, o equipo poderá seleccionar os sensores que mellores resultados acaden para implementalos en BIXO. Estes sensores, explican dende o equipo, “son de vital importancia para a misión biolóxica do cubesat, xa que nos permitirán saber a canta radiación estarán sometidas as bacterias durante o experimento, polo que será crítico asegurar o seu funcionamento en órbita e logo o procesado deses datos”.
Por outro banda, a misión CORTIS tamén permitirá probar o rendemento dunha cámara con flight heritage, coa que agardan obter imaxes do exterior de OSSIE e da Terra. Esta cámara será unha das cargas secundarias que logo levará BIXO, polo que grazas a esta misión “poderemos probar o seu funcionamento en órbita e realizar probas de descarga e procesado das imaxes xeradas”.