O martes 28 de novembro de 2017, ás 12.10 h, celebrouse unha reunión ordinaria do Pleno do Consello Social, na que se trataron os seguintes puntos:
PUNTO 1
Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (27.07.2017).
Apróbase por asentimento.
PUNTO 2
Informe do presidente.
Don Ernesto Pedrosa agradece a asistencia dos presentes e fai un chamamento para velar polas universidades, para que non queden “debilitadas” no proceso transformador e revisionista que están a vivir. Manifesta admitir que os novos tempos requiren unha nova universidade porque a educación non se pode contemplar como un dereito sen límites, “pero a velocidade que se lle quere imprimir as cambios nos deben poñer en alerta”. Afirma que sen as universidades, ou con universidades desvirtuadas ou desprovistas das súas esencias “seremos menos competentes, menos capaces e menos cidadáns”. E engade que “debemos protexelas porque ningunha outra institución nos pode dar certezas para xestionar o presente, encarar o futuro con garantías, e comprender un mundo tan complexo e mudable como o actual, e levarnos polo camiño do desenvolvemento, a educación, o progreso e a xustiza”. O presidente pídelle aos presentes que “transmitan e proclamen en todo momento e lugar a súa confianza na universidade”.
Tras varias referencias aos principais asuntos recollidos na orde do día –entre eles as ofertas de emprego público, “que nos incumben pola modificación de gasto que comportan”- cita como feitos relevantes que a Universidade de Vigo teña cuberto o 99,7% das prazas para alumnos que ofertaba –“un fito en Galicia”, di- e que sexa recoñecida como unha das máis transparentes de España.
Anuncia finalmente que Antonio Abril substitúe a Manuel Pizarro na presidencia da Conferencia de Consellos Sociais das universidades españolas, co obxectivo de “poñer as universidades ao servizo da sociedade”. Así mesmo da conta da súa participación como poñente nunhas xornadas organizadas en Huelva pola Conferencia de CCSS, para falar de “O papel dos Consellos Sociais no sistema de goberno universitario”.
Concluída a intervención, cédelle a palabra ao Reitor, quen dá conta dos últimos acordos adoptados no sistema universitario galego “que melloran a oferta de títulos pensando no que lle convén á sociedade”. Salienta a creación de 12 novos Graos e a supresión de oito (catro en Coruña e catro en Santiago), sen que Vigo se vexa afectada neste caso.
Sobre a ocupación practicamente total (99,7%) das prazas ofertadas, don Salustiano Mato cualifica o feito de “equilibrio absoluto” e subliña que a alta ocupación se reflicte en todos os campus e non só nos centrais, como sucede noutras universidades en detrimento dos periféricos. O Reitor atribúe esta circunstancia a que “somos a universidade do sur de Galicia, e temos un modelo claro e unha personalidade definida para cada un dos campus, para que non sexan meras franquías e teñan os seus obxectivos e o seu propio rumbo”.
O Reitor abrangue na súa exposición o avance e a intensificación de contactos e actividades para a internacionalización, poñendo como exemplos os convenios de dobres titulacións e mobilidade con institutos brasileiros, e as misións conxuntas do SUG e o goberno galego que abren oportunidades e facilitan o camiño, como é o caso da realizada en México na pasada semana.
Remata felicitando ao presidente do Consello Social polo recoñecemento que lle fixo a Asociación Alumni, e a distintos investigadores (entre os que menciona a don David Posada) e alumnos que están a ser recoñecidos en distintos ámbitos polos seus traballos, “e que están a dar prestixio a Galicia e á universidade”.
(Don Jorge Cebreiros e Don Francisco G. Izquierdo auséntanse para acudir a outra reunión).
PUNTO 3
Aprobación da derrogación normativa relativa ás titulacións LRU, agás o que atinxe á “avaliación curricular” que seguirá vixente os cursos 2017/2018 e 2018/2019 (Consello de goberno 09.10.2017), consonte o artigo 75.4.h) da Lei do SUG.
O presidente cede a palabra a dona Gloria Pena que, nas súas explicacións deste punto, sinala que a extinción, o pasado 30 de setembro, das titulacións baseadas na LRU, e para evitar confusións entre o alumnado que cursa os Graos, o Consello de goberno acordou a derrogación da normativa anterior, entre elas as Normas de Permanencia aprobadas polo Consello Social o 13 de xuño de 2001, agás todo o relativo á avaliación curricular que continuará vixente ata o curso 2018/2019 inclusive por si afectase a algún alumno.
O Pleno aproba a proposta.
PUNTO 4
Informe que proceda sobre a modificación da relación de postos de traballo do Persoal de Administración e Servizos laboral (Consello de goberno 22.11.2017).
Despois da intervención de don Manuel F. Jáuregui para dar conta das causas que xustifican a proposta, vencelladas basicamente ao novo edificio do Campus da Auga e á implantación da Enxeñaría Aeroespacial, ábrese un debate ao entender don Emilio Fernández que a universidade actúa con certa incoherencia por negociar esta modificación só co Comité da provincia de Ourense, cando para frear o recurso do Comité de empresa de Pontevedra á RPT argumentou precisamente a eiva de que era unha iniciativa do Comité de Pontevedra e non do conxunto dos traballadores da universidade. Resposta o xerente que a negociación da RPT fora global, con todo o PAS laboral e para toda a universidade, e que foi o xuíz quen dixo que o Comité de Pontevedra en solitario carecía de lexitimidade para presentar ese recurso, nunha sentencia que é firme. Respecto á modificación que se presenta, afirma que só afecta a unha parte, que é coa que se negociou sen que a outra parte amosase desconformidade en ningún momento. Terza o Reitor e rexeita que se fale de incoherencia para lembrar que –unha vez executada a RPT- a todos os sindicatos se lles ofreceron modificacións e melloras para beneficio dos traballadores, que os de Ourense aceptaron negociar mentres os de Pontevedra preferiron agardar ao recurso. Don Emilio Fernández lamenta que o recurso non entrase no fondo do asunto, e don Salustiano Mato pide que non se contamine un acordo unánime do Consello de goberno. Don Xulio Calviño declara a súa estrañeza polo feito de que a representación sindical en desacordo non interviñera no Consello de goberno e traia este asunto ao Consello Social, o que cualifica de “inadecuado”. Pecha esta rolda de intervencións o xerente para aclarar que actualmente hai aberto un escenario de diálogo e conversa total e unha relación social normalizada, e abunda que no caso que se trata, a necesidade prodúcese no Campus de Ourense pero que cando xurda noutro Campus se fará o mesmo, “non hai discordancia algunha, as reunións son públicas e non agochamos nada”, remata.
O Pleno informa favorablemente.
PUNTO 5
Acordo que proceda sobre alleamento de ben inmoble de carácter patrimonial da Universidade de Vigo (Consello de goberno 22.11.2017).
Ao abeiro da ampla documentación que se achega, resume o xerente as características do ben afectado, un piso en Madrid herdado que xera problemas de xestión porque se aparta dos fins da universidade.
O Pleno aproba a proposta
PUNTO 6
Informe sobre o estado de aplicación das recomendacións recollidas na auditoría operativa sobre “Procedemento de aprobación e tramitación de títulos propios, cursos de especialización e outros encargados pola universidade”.
Toma a palabra don Daniel Barata, para dar conta sinopticamente das propostas e acordos da Comisión que preside, que se elevan a Pleno con informe favorable. Don Manuel F. Jáuregui detalla nun documento de sete puntos as melloras abordadas respecto ás recomendacións efectuadas polo equipo auditor, e outras actuacións que están pendentes de cambios normativos.
O Pleno dáse por informado
PUNTO 7
Análise e revisión do informe de auditoría sobre “Legalidade dos procedementos e as ferramentas informáticas referidas á Xestión económica do gasto da universidade, e a súa validez na xustificación de axudas externas”.
Á vista do documento remitido, o xerente afirma que a auditoría valida o traballo que se está a facer e que se están a desenvolver aplicacións informáticas e dando pasos que o informe recoñece e que cualifica como “rigorosos e serios”.
O Pleno da a súa conformidade e recomenda a aplicación
PUNTO 8
Aprobación, se procede, da participación da Universidade de Vigo no Consorcio interuniversitario do Sistema universitario de Galicia (Consello de goberno do 09.10.2017).
O presidente invita á secretaria xeral a intervir. Dona Gloria Mª. Pena, que considera a coordinación como “unha necesidade e unha oportunidade”- refire que tamén é unha obriga recollida na Lei 6/2013 do SUG, e manifesta que os documentos que se achegan son o resultado das negociacións das tres universidades e da Xunta, e que se prevé constituír o Consorcio antes de fin de ano. O convenio permitirá formalizar todas as actividades que ata o de agora as universidades comparten de xeito puntual. Pregunta don Manuel González por que e quen decidiu que a sede do Consorcio quede na USC. A secretaria xeral resposta que a opción era que se adscribise á Xunta, que non quixo, e que quedou na USC porque a opción rotatoria non parecía a mellor. Matiza que a adscrición é meramente formal, un requisito legal sen maiores consecuencias porque ten personalidade xurídica e porque dependerá da Intervención xeral da Xunta. Don Xosé M. Atanes expresa a súa satisfacción –“xa era hora”- ao tempo que reflexiona sobre os problemas aos que –a seu xuízo- se enfronta a Universidade pola perda de poboación e a suba de alumnos nos centros privados. O Reitor concorda con que se trata dunha boa nova, porque abre unha ventá única para iniciativas conxuntas, por exemplo para alumnos de doutoramento ou mestrado, ou para a internacionalización, “calquera cousa que fagamos en conxunto terá acubillo aí”, afirma don Salustiano Mato.
O Pleno da a súa aprobación
PUNTO 9
Informe sobre os convenios asinados pola Uvigo nos meses de xullo, agosto e setembro.
O Pleno dáse por informado
(A secretaria xeral, dona Gloria Mª Pena auséntase da sesión neste intre).
PUNTO 10
Acordo sobre a asignación de complementos a profesores por cargos de Xestión, polo labor docente e investigador e polo recoñecemento da excelencia curricular docente e investigadora, consonte avaliación aprobada pola ACSUG. Convocatoria de 2016.
O Pleno acorda a asignación
PUNTO 11
Informe de situación sobre a tramitación e entrega de títulos da Universidade de Vigo.
Don Ernesto Pedrosa presenta os datos que reflicten a normalidade na entrega dos títulos aos Egresados. As medidas implantadas dende a Xerencia permitiron regularizar unha situación que rexistraba importantes colapsos e longos retrasos na entrega de miles de títulos.
O Pleno dáse por informado
PUNTO 12
Outros asuntos. Aprobación de taxas e memorias finais de cursos propios. Asistencias.
O presidente dá conta dos asuntos máis salientables tratados, entre eles o referido ás ausencias de dous conselleiros aos plenos convocados ao longo de 2017 e ás obrigas ao respecto e medidas aplicables, recollidas na Lei do SUG e no Regulamento do Consello Social.
O Pleno dáse por informado
PUNTO 13
Aprobación, se procede, da reasignacion definitiva das Bolsas-colaboración concedidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte á Universidade de Vigo, para o curso 2017/2018.
Á vista da documentación que se achega sobre os criterios aplicados na baremación, e para completar a información, o presidente remite ao punto 16 da sesión, no que se da conta dunha acción posterior referida a este asunto.
O Pleno dá a súa conformidade
PUNTO 14
Outros acordos. Axudas e patrocinios aprobados pola Comisión.
Revísase o resumo no que se da conta das axudas concedidas e da situación na que se atopan os traballos que se están a desenvolver polo Observatorio de Egresados.
O Pleno dáse por informado
PUNTO 15
Aprobación, se procede, da convocatoria de Prácticums para o curso 2017/2018, e da dotación económica correspondente para o seu desenvolvemento.
Expón o presidente as características da convocatoria que se mantén ano tras ano, os obxectivos e os beneficios que reporta ás titulacións con máis dificultades para proporcionar prácticas aos alumnos. No documento-resumo que se incorpora no punto 18 recóllese nunha gráfica a distribución e aproveitamento das axudas concedidas aos centros na pasada edición.
O Pleno aproba a convocatoria nos mesmos termos de anteriores edicións
PUNTO 16
Aprobación, se procede, dunha corrección no listado definitivo de beneficiarios das Bolsas-colaboración concedidas polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte á Universidade de Vigo, para o curso 2017/2018.
Debido a unha alegación admitida polo Servicio de Bolsas da UVigo e comunicada a este Consello Social o 9 de outubro, en prazo posterior ao calendario de tramitación inicialmente proposto (como se reflicte no punto 13), redúcese unha vacante respecto á relación aprobada pola Comisión con data 29 de setembro. En consecuencia, e conforme a unha nova baremación extraordinaria, procédese a anular a bolsa adxudicada a Socioloxía, ciencias políticas e da Administración e Filosofía, que pasa ao primeiro posto da lista de agarda.
O Pleno da a súa aprobación
PUNTO 17
Aprobación, se procede, da memoria de actividades do Consello Social 2016 e a edición.
O Pleno da a súa aprobación
PUNTO 18
Outros acordos. Axudas e patrocinios aprobados pola Comisión.
No informe-resumo que se achega, os membros reciben unha sinopse de todas as axudas concedidas ao longo de 2017 así como os importes e os destinatarios.
O Pleno dáse por informado
PUNTO 19
Información sobre a oferta de emprego público do Persoal Docente e Investigador para 2017. Incidencia económica (Consello de goberno 22.11.2017).
Preséntase este asunto ao Consello Social por comportar unha modificación de gasto. Explica o xerente que a oferta consiste, en síntese, na convocatoria de 14 prazas de contratado doutor e 20 prazas de profesor titular de universidade, así como a convocatoria a concurso de 20 prazas de promoción interna de catedrático de universidade. Afirma don Manuel F. Jáuregui que “nos permitirá mellorar moitas situacións”.
O Pleno da a súa conformidade
PUNTO 20
Información sobre a oferta de emprego público do persoal de administración e servicios. Incidencia económica (Consello de goberno 22.11.2017).
Ao igual que o punto anterior, a proposta obriga a unha modificación de gasto que entra nas competencias do Consello Social. O xerente aclara que en 2016 se produciron seis baixas no PAS, polo que as prazas por aplicación da taxa de reposición correspondente a 2017 son 4 de técnico superior de I+D, unha praza de técnico superior de Igualdade e unha praza de técnico superior de Calidade ambiental e histoloxía, todas elas de PAS laboral grupo I. Así mesmo a Oferta contempla a promoción interna (que non se ve afectada pola taxa de reposición) en seis prazas de PAS laboral e 29 prazas de PAS funcionario. Informa o Reitor de que as dúas Ofertas presentadas están autorizadas pola Facenda pública e aproveitadas ao máximo. Don Salustiano Mato subliña a aposta polas persoas que se nota na consolidación dos postos de traballo, e engade que pese á crisis e á taxa de reposición a universidade ten incrementado o capítulo I. A unha intervención de dona Natalia Zunzunegui sinalando certa precariedade do persoal interino que remata contratos este ano, o Reitor resposta que “esta é a única universidade na que teñen traballo” porque nas demais non existen, e salienta o esforzo que se fixo nese ámbito.
O Pleno da a súa conformidade
PUNTO 21
Rogos e preguntas.
Don Xosé Manuel Atanes reflexiona sobre o interese do mundo da cultura en que o Pergamiño Vindel quedase en Vigo de xeito permanente, e apunta como conxectura que quizás sería tratado como asunto de estado e non marcharía de estar escrito en español. Don Salustiano Mato resposta que –ao marxe de que Galicia non puidera retelo no seu momento histórico- a Universidade de Vigo conseguiu que viñera, e que non se trata de discutir agora outra cousa porque non está en venta e para os seus propietarios “é unha xoia da que non se desfarán”. O Reitor participa que “estamos a pensar nun camiño para que siga sendo un pouco galego pero tendo claro que non está en venta”.