Comisión económica

A Comisión Económica aproba, entre outros, a proposta de orzamento para a Universidade para o ano 2018

2020-02-21T13:13:05+00:0022 de Decembro de 2017|Comisión económica|

O pasado mércores, 20 de decembro, celebrouse unha reunión ordinaria da Comisión Económica do Consello Social na que se aprobou a proposta de orzamento para 2018. Ademais, tratáronse os seguintes puntos:

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (25.10.2017)

  • Apróbase por asentimento.

PUNTO 2

Informe sobre o teito máximo de gasto anual da Universidade de Vigo para o exercicio 2018, consonte o disposto no Real Decreto Lei 14/2012, do 20 de abril.

Toma a palabra o vicerreitor de Economía e Planificación para explicar que con este punto vense cumprindo tal e como establece o R.D. Lei 14/2012, de 20 de abril, “de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo”. Subliña don José Manuel García que non ofrece a normativa ningunha fórmula nin método de cálculo para fixar ese teito, polo que “optamos por un cálculo razoable” en función do orzamento que se somete a aprobación, que “daría respaldo a un incremento de gastos imprevisto”, quedando fixado na contía correspondente.

Don Daniel Barata razoa sobre os ingresos finalistas e os non finalistas, e a influencia que teñen en que se faga xestión máis ou menos innovadora, e valora a que están a facer na UVigo persoas “responsables” e órganos que exploran outras posibilidades de ingresos e abren expectativas que lle outorgan a esta universidade mellores perspectivas que a outras. Neste senso avoga por novas vías de aportacións públicas máis innovadoras.

  • A Comisión ACORDA informar favorablemente ao Pleno.

PUNTO 3

Aprobación, se procede, da proposta de orzamento da Universidade de Vigo para o exercicio 2018, para elevación ao Pleno.

Por indicación do presidente, toma a palabra o vicerreitor de Economía e Planificación para situar a proposta de orzamento sobre dous grandes chanzos nos que non se teñen producido cambios substanciais: o escenario normativo, dunha parte; e a perspectiva económica, doutra.

Explica a evolución comparativa de funcionamento universitario en Galicia no período 2005-2018, na que destaca o acusado descenso das achegas da Xunta que se rexistra dende 2009; e unha leve recuperación nos dous ou tres últimos anos e que se correspondería máis ben coa recuperación salarial, como se aprecia na vixencia do actual Plan de financiamento universitario de Galicia 2016-2020, e no que don José Manuel García advirte que as achegas anuais a esta universidade están en niveis case planos e con moi poucas posibilidades de medrar e co risco de que descendan. Lembra neste senso que “sempre fomos críticos co PFSUG e tampouco estamos de acordo cos criterios que se aplican”. Como exemplo apunta que no Plan se recolle nominalmente que unha terceira parte dos recursos se reparten por resultados, “o que non é certo”.

No caso concreto da UVigo, o vicerreitor sinala como foi quen de manter o nivel de achegas durante os anos mais duros da crise e os recortes, e como os resultados económicos se mantiveron en superávit ou en equilibrio dende 2011, “que era o primeiro obxectivo que nos marcamos cando chegamos o actual equipo de goberno”, e adiantando que nesa liña se manterá en 2017. Así mesmo destaca que a esta situación de equilibrio se chegase sen necesidade de recorrer á débeda bancaria, reducindo de forma “espectacular” o pago a provedores, e con unha situación económica saneada “dende calquera punto de vista”.

Esbozado o contexto, o vicerreitor desagrega o amplo documento co proxecto que se propón e as variacións máis significativas do orzamento de ingresos, que ascende a unha contía superior nun 4,37 % ao exercicio anterior -suba debida ao aumento das axudas finalistas e ao aumento de proxectos de cooperación educativa- , e explica as referidas ao incremento das transferencias de capital e ao incremento dos activos financeiros. Amosa a distribución por capítulos de ingreso e o reparto porcentual que representan verbo do total do orzamento.

Respecto ao orzamento de gastos centra a exposición no capítulo I que representa un 59,48 % do total e crece un 5,28 % respecto a 2017 (e un 15,5 % se se compara con 2012), sendo a de Vigo a universidade galega na que máis ten medrado o gasto no capítulo I nos catro últimos exercicios, o que –manifesta don José Manuel García- reflicte “o noso compromiso cos traballadores e co emprego público”. Asemade menciona as causas  da rebaixa nas transferencias correntes e o incremento no capitulo VI de investimentos reais. Fai, por último, unha chamada sobre os gastos de persoal para advertir non deben pasar a cantidade correspondente, porque a estimación de ingresos no novo PFSUG para a UVigo está xa establecida para cada unha das tres próximas anualidades.

Rematada a exposición ábrese unha rolda de preguntas sobre o rexistro das subvencións dos Concellos á universidade, e sobre pagos pendentes (don Manuel González); sobre as causas do incremento do capítulo de Persoal, e sobre a procedencia dos límites aplicados no artigo 22.4 das Normas de desenvolvemento do orzamento (don Jesús Graña), asunto este último no que tercian don Jorge Cebreiros e don Daniel Barata. Contestadas polo vicerreitor e polo xerente, don Manuel F. Jáuregui, todas as cuestións expostas, a Comisión ACORDA

  • -Elevar informe favorable ao Pleno.

PUNTO 4

Informe da previsión de cumprimento pola Universidade de Vigo da elaboración da liquidación do orzamento antes do 1 de marzo de 2018, consonte Real Decreto Lei 40/2012.

Ao abeiro do mesmo Real Decreto-Lei 14/2012, sobre a disposición que obriga ás universidades a confeccionar a liquidación do orzamento antes do primeiro de marzo do exercicio seguinte, así como a que outorga ao Consello Social a capacidade de intervir no caso de que a liquidación do orzamento da Universidade presente remanente de tesoureira negativo, o xerente, don Manuel F. Jáuregui, informa que a liquidación farase en prazo e cumprirase co disposto. A Comisión ACORDA

  • -Dar conta ao Pleno.

PUNTO 5

Informe sobre os convenios asinados pola Universidade de Vigo nos meses de outubro e novembro de 2017.

  • A Comisión dáse por informada.

PUNTO 6

Rogos e preguntas

Non hai.