Project Description
Este traballo, que parte do estudo de diversos casos particulares e especialmente representativos das tendencias actuais na materia, ofrece unha análise e unha diagnose e, a partir delas, algunhas propostas para un modelo pluralista de debates electorais televisados –e por extensión audiovisuais– en España, dentro do complexo ecosistema de converxencia e hibridación mediáticas, característico da comunicación actual.
É esta unha análise onde se describe, en perspectiva comparada, a organización, realización e impacto dos debates electorais. De acordo con esa visión ampla do concepto de debate, unha segunda parte do libro está dedicada ás novas formas de comunicación e participación política, segundas pantallas, ecos e amplificadores en multitude de ocasións do debate político clásico, o celebrado en televisión, que hoxe en día non pode ser considerado como un produto illado. É imposible entender a súa utilidade ou o seu impacto no electorado sen considerar esas novas e paralelas formas de comunicación política, vinculadas xeralmente á rede e ás relacións públicas.
Cabe sinalar, por último, que se trata dunha publicación que, ademais desta perspectiva conceptual plural e ampla, parte do recoñecemento dos debates electorais como potentes ferramentas de comunicación e consecución dunha opinión pública máis e mellor formada e, por tanto, como ferramenta que ten a capacidade de mellorar a calidade democrática do país no que se cultivan.
Ivan Puentes-Rivera, Ana Belén Fernández-Souto e Montse Vázquez Gestal son os coordinadores da publicación, que contou coa colaboración do Consello Social da Universidade de Vigo para a súa edición.
É posible descargar o texto (en español) deste traballo na seguinte ligazón (PDF, 4,5MB):
Cuadernos Artesanos de Comunicación, nº 171