Actos do presidente

Intervención de Ernesto Pedrosa no XVI Encontro de Responsables de Protocolo e Relacións Institucionais das Universidades Españolas e o VIII Encontro Hispano-luso de Protocolo Universitario

2020-02-21T13:09:13+00:0026 de Maio de 2017|Actos do presidente, Discursos do presidente|

Bos días…

É un delicado compromiso falar ante vostedes, co risco de incorrer en algunha inconveniencia. Son vostedes unha audiencia de infrecuente cualificación que nos autoimpón unha notable exixencia escénica. Pero en todo caso, é un pracer poder darlles a benvida.

Hai xa varios anos que o Consello Social que presido mostra unha indiscutible atención á importancia dos asuntos protocolarios. Esta foi unha sensibilidade transversal que temos sempre presente, e que nos levou a introducir nos Consellos Sociais de España un proceso de reflexión e reivindicación sobre a importancia de adquirir visibilidade nos actos universitarios. Parécenos fundamental porque na procura de recoñecemento e afecto para as universidades, o traballo que vostedes fan é especialmente relevante. Diría eu que quizais o máis relevante xunto coa comunicación.

Coñecer a Universidade, acercarse á Universidade, esixe desentrañar os seus propios ritos, a súa peculiar linguaxe, o modo en que esta institución adorna, arroupa e desenvolve os seus acontecementos máis solemnes en cumprimento do mandato que recibe da sociedade como gardadora do saber, investigadora e divulgadora do coñecemento científico e humano. Iso é o que garanten vostedes, e iso é o que necesitamos. Esa grandeza ritual que comporta unha comunicación distinta en si mesma.

Creo que un dos grandes cambios da universidade debe producirse coa súa contorna. Por iso é importante como sexa percibida, como sexa respectada, como sexa valorada, como se lle explica aos cidadáns, como se logra que teñan unha determinada imaxe da universidade.

Certo que os medios son os grandes configuradores da imaxe que os cidadáns teñen do mundo e dos ámbitos que o forman.  Pero nesa imaxe terán un significado relevante a linguaxe, as formas e os ritos que conforman, honran e distinguen, a comunicación icónica que vostedes constrúen e que tanto inflúe nos afectos, o coñecemento e o comportamento dos cidadáns. O protocolo perfecciona a percepción da universidade.

Aínda anda por aí un libro recopilatorio que o Consello Social da UVigo editou sobre o Protocolo universitario, da man do querido e competente profesor Fernando Ramos, ao transformar o seu valioso traballo nun volume de fecunda intención e completo contido, que recopila a tradición do cerimonial universitario en España. Foi unha magnífica experiencia por un dobre motivo: alumbramos un libro documentado e útil para todos, universitarios e sociedade; e cumprimos a nosa responsabilidade divulgadora e de representar e poñer en contacto á sociedade toda co mundo universitario, facendo asequible ao coñecemento popular as razóns dos ritos, cerimonias, ademáns e símbolos universitarios. Tamén podería engadir que con este libro pretendíamos colocar o protocolo na axenda de valor dos Consellos Sociais, porque nos daba a oportunidade de adquirir relevancia práctica.

E termino.

Son vostedes o foro idóneo para que lles confese o meu agradecemento ao Reitor, Salustiano Mato, e aos que o precederon, por dispoñer e normalizar a presenza do Consello Social de Vigo en lugares preferentes durante os actos universitarios, por colocar á representación social na cima de la liturxia universitaria. Vigo sitúase neste aspecto en posicións de vangarda. E gustaríame que vostedes axudase a que os Consellos Sociais ocupen tamén nas súas universidades posicións de respecto. Explóreno e inténtelo e dará bos resultados.

Moitas grazas tamén a Carmen Estévez e a Ángeles Casal pola receptividade coa que nos tratan nos actos que organizan, e polo esforzo e a ilusión que puxeron para reunilos a vostedes estes días en Vigo e garantirlles satisfaccións e bo tempo.

Confío que este encontro lles resulte de proveito e deséxolles que gocen da cidade e da súa estadía.

Moitas grazas.