Comisión de actividades e servizos

A Comisión de Actividades e Servizos concede, entre outras, unha axuda para a elaboración dunha edición facsimilar do Pergamiño Vindel

2020-02-21T13:12:40+00:0025 de Novembro de 2017|Comisión de actividades e servizos|

O venres 24 de novembro, ás 12.40 h., celebrouse unha reunión ordinaria da Comisión de Actividades e Servizos do Consello Social na que se trataron os seguintes puntos:

PUNTO 1

Aprobación, se procede, da acta da sesión anterior (04.10.2017).

  • Apróbase por asentimento.

PUNTO 2

Informe do presidente. Resumo das iniciativas apoiadas pola Comisión ao longo do ano 2017.

Como aspectos máis destacados do resumo que se presenta, saliéntase o incremento do dez por cento na contía económica total das axudas concedidas, respecto ao exercicio anterior, así como un irrelevante descenso no número de asuntos tratados pola Comisión, que pasaron de 69 a 66.

  • A Comisión dáse por informada.

PUNTO 3

Acordo que proceda sobre a petición de axuda solicitada para a organización das “VI Xornadas sobre cuestións prácticas de Dereito Procesual Civil”.

Explica don Ernesto Pedrosa que a iniciativa reunirá a expertos para debater e buscar solucións prácticas a algúns dos problemas que se están a producir nos Xulgados e Tribunais. Coordinadas pola catedrática Esther Pillado, desenvolveranse en Vigo os días 30 de novembro e 1 de decembro. Tras aplicar a redución establecida para sucesivas edicións, a Comisión ACORDA:

  • Aprobar unha axuda para a organización das devanditas xornadas.

PUNTO 4

Aprobación, se procede, da edición dun libro para agasallo do Consello Social, no que se recolle en facsímile o Pergamiño Vindel, as reproducións dos sete poemas de Martín Codax, así como un CD coas seis cantigas interpretadas polo Grupo de Cámara da Universidade de Santiago.

Subliña o presidente que o Consello Social súmase á histórica iniciativa auspiciada pola Universidade de Vigo para a chegada e exposición do Pergamiño Vindel en Galicia. Con tal motivo proponse a publicación dun libro sobre as Cantigas de Martin Codax, que inclúe en facsímile o Pergamiño Vindel e un CD coas seis cantigas con anotación musical, interpretadas polo grupo de Cámara da USC. Dona Mercedes Castro reflicte na súa intervención a xeneralizada satisfacción que amosan os presentes pola iniciativa, que así mesmo se manifestan neste senso. Consonte proposta presentada pola Editorial Galaxia, a Comisión ACORDA:

  • Asignar unha axuda para a edición de 200 exemplares para agasallo institucional.

PUNTO 5

Acordo que proceda sobre a solicitude de colaboración para a edición do libro “Moluscos marinos de Galicia”, a proposta do director de ECIMAT.

O director do Centro Singular Mariño da UVigo-ECIMAT presenta unha proposta de edición do libro elaborado por oito expertos durante os cinco últimos anos. A obra, de 800 páxinas, recompila todas as especies de moluscos das costas galegas, polo que adquire especial relevancia académica para estudantes, centros de investigación, profesionais do sector e para todos o interesados na biodiversidade das rías, tal e como argumenta o presidente. Don Carlos Mollinedo manifesta que se debe tratar dunha compra de exemplares, e non dunha axuda, o que subscribe e ratifica o presidente. A Comisión ACORDA:

  • Destinar unha axuda á adquisición dun número de exemplares por determinar, entre 100-110.

PUNTO 6

Acordo que proceda sobre a colaboración solicitada para o financiamento da exposición itinerante “Recursos naturais de Galicia”, promovida pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, nos centros de ensino secundario e outros foros.

Avalíase a petición de apoio á exposición itinerante da Escola de Minas e Enerxía no ensino secundario, na que se solicita axuda para o pago dos paneis e banners transportables. Mediante esta actividade, a Escola ofrece aos centros de ensino secundario da comunidade unha exposición didáctica na que se amosan mediante paneis os principais recursos naturais de Galicia e temas relacionados cos graos que se imparten no centro. Valórase como unha iniciativa de gran utilidade cara á visibilidade da formación que imparte a Escola e á potencialidade que representa para a captación de alumnos. A Comisión ACORDA:

  • Aprobar unha axuda para financiar a devandita exposición.

PUNTO 7

Aprobación, se procede, de axustes efectuados na relación de Bolsas-colaboración asignadas para o curso 2017-2018.

Intervén o secretario, por indicación do presidente, para aclarar que debido a unha alegación in extremis admitida polo Servizo de Bolsas de UVigo presentada polo departamento de Ecoloxía e Bioloxía, e comunicada a este Consello Social o 9 de outubro, en prazo posterior ao calendario de tramitación inicialmente proposto, redúcese unha vacante respecto á relación aprobada por esta Comisión con data 4 de outubro. En consecuencia, producida a incidencia e dada a urxencia dunha resolución por ter un prazo de só dous días ata a reunión do xurado encargado do listado definitivo (prevista para o 11 de outubro) e ante o risco de perder as Bolsas, dende a Secretaría do Consello Social efectuouse unha nova baremación extraordinaria, con carácter provisional e pendente de aprobación por esta Comisión ou polo Pleno, procedendo a anular a bolsa adxudicada a Socioloxía, ciencias políticas e da Administración e Filosofía, que pasa ao primeiro posto da lista de agarda. Oída a explicación, a Comisión ACORDA:

  • Dar a súa conformidade.

PUNTO 8

Aprobación, se procede, da convocatoria de Prácticums para o curso 2017/2018 e da correspondente dotación, para elevación ao Pleno.

Da conta don Ignacio Rodríguez dos resultados acadados en anteriores convocatorias e a favorable acollida que teñen estas axudas nos centros porque permiten desenvolver actividades de formación práctica dirixida aos estudantes que doutro xeito dificilmente se poderían realizar. Resume que no curso anterior foron atendidas as peticións de nove centros, aos que se concederon axudas de diferentes contías. Así mesmo aportase un cadro no que reflicte o estado de execución do gasto en cada centro a 31 de outubro. Proponse abrir unha nova convocatoria para o curso 2017-2018 mantendo as bases e a asignación económica correspondente. A Comisión ACORDA:

  • Informar favorablemente e elevar a proposta ao Pleno.

PUNTO 9

Aprobación, se procede, da Memoria de actividades do Consello Social correspondente a 2016, e da súa edición en soporte impreso e dixital.

Informa o presidente do contido e distribución do texto da Memoria, consonte o recollido no artigo 75.2b da Lei 6/2013 do Sistema universitario de Galicia. O secretario sinala que a temática que se visibiliza no título que figura na portada de Memoria fai referencia aos 71.487 Egresados da universidade de Vigo durante os seus 25 anos de vida, e ao traballo dirixido por don Luis Espada neste senso. Engade que sobre esta mesma temática tratará a introdución do presidente, e que esta edición amosará unha maior paxinación respecto a anteriores edicións, e un deseño similar.

  • A Comisión da a súa aprobación.

PUNTO 10

Rogos e preguntas.

Don Carlos Mollinedo solicita que se manteña durante máis tempo o acceso á documentación dixital que se remite xunto coa convocatoria da comisión.