O Consello Social aproba dúas doazóns á Universidade de Vigo

2019-01-09T15:33:03+00:007 de Xaneiro de 2019|Novas|

O Consello Social concedeu autorización á Universidade de Vigo para recibir dúas doazóns, feito que foi cualificado como “especialmente importante” por Ernesto Pedrosa. O presidente subliñou o valor destas iniciativas “por entrar nun campo no que somos referente en España por fomentar o mecenado e o fundraising cara á Universidade”.

Retrato de Valle Inclán

Unha das doazóns foi a realizada polo pintor Alejandro Cabeza. Consiste nun óleo da súa autoría de 55 por 46 cm que representa un plano medio do escritor executado no estilo característico do artista valenciano-catalán durante o ano 2017. Na correspondencia mantida entre Cabeza e a Universidade o autor do cadro valora a cesión do seguinte xeito: “Mucho me alegra que la obra vaya a descansar entre ustedes, pues estoy convencido de que en ningún otro lugar podría apreciarse más.”.

A pintura, que reproducimos a carón deste texto, e que ten por nome “Retrato de Ramón María del Valle Inclán” será incorporada ao inventario xeral da Universidade de Vigo. [Para máis detalle, clic na imaxe].

Equipamento científico para a medición da calidade do aire

Pola súa parte, ENDESA realizará a cesión de equipamento de medición da calidade do aire, para dedicalo a actividade investigadora. O conxunto de instrumentos está formado por analizadores de óxidos de nitróxeno, ozono, anhídrido sulfuroso e de partículas inhalables de diámetro inferior a 10 micrómetros.

Outros acordos

O Pleno autorizou tamén a creación de tres empresas de base tecnolóxica promovidas por profesores da Universidade de Vigo a partir do aproveitamento de investigacións que se realizan en distintos campos de coñecemento. O presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, sinalou a importancia de que o coñecemento que se xera na UVigo “chegue ás persoas e á sociedade, para mellorar o desenvolvemento económico, transformar o modelo produtivo e facer partícipe da ciencia á cidadanía”. Respecto diso engadiu que se está cumprindo a imprescindible terceira misión universitaria: “que a investigación salga das universidades e sexa aproveitada e mire cara ás necesidades reais da industria e das empresas para mellorar a súa competitividade, crear postos de traballo e benestar social”.

Desta vez, o Consello Social da Universidade de Vigo elixiu o Campus de Ourense para celebrar a súa última sesión plenaria do ano. Entre os asuntos tratados na orde do día destaca a aprobación definitiva do orzamento máis alto na historia da UVigo, por riba dos 182 millóns de euros, e o teito de gasto para 2019 fixado en 192 millóns. Cun contido marcadamente económico, na reunión deuse luz verde tamén, entre outros asuntos, á oferta de emprego público para o persoal de administración e servizos da universidade, e aprobouse a asignación de complementos retributivos a profesores por cargos de xestión e por excelencia curricular. A reunión, que se levou a termo no edificio Politécnico, comezou cun emotivo recordo en memoria de José Manuel Pérez Canal como membro que foi do Consello Social.