Os debates electorais a debate é o título do I Congreso Internacional sobre Debates Electorais Televisados e Novas Formas de Comunicación Política, evento que os días 30 de setembro e 1 de outubro reunirá na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación preto de 150 especialistas e profesionais. Organizado polo grupo de investigación CP2, este congreso insírese no proxecto de investigación DebaTv, financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e que ten como obxectivo articular unha proposta de modelo de referencia para a organización e difusión dos debates electorais televisivos.
O Consello Social colabora con este evento editando unha memoria na que se recollerán as comunicacións máis relevantes do congreso.
Conferencias
Unha serie de conferencias reunirán a expertos e expertas académicos, e a profesionais como o presidente emérito da Academia TV, Manuel Campo Vidal, ou a políticos como o ex-ministro de Fomento José Blanco. A conferencia de apertura correrá a cargo do investigador da Northeastern University de Boston Alan Schroeder, “o maior experto nos debates electorais en Estados Unidos”. Na primeira xornada terán lugar, así mesmo, os relatorios de Campo Vidal, do catedrático da Universitat Autónoma de Barcelona José Manuel Pérez Torneo, e da profesora da Universidade Federal do Río Grande do Sul de Brasil María Berenice Da Costa, mentres que para o martes 1 están programadas as conferencias da subdirectora de Relacións Institucionais e asesora xurídica de RTVE, Beatriz Blázquez, e do profesor da Universidad Complutense José Manuel Robles.
Foros
Xunto ás conferencias, celebraranse tamén unha serie de foros, como o que reunirá ao eurodeputado, ex-ministro e ex-secretario de Organización do PSOE José Blanco e á xornalista Carmen Martínez Castro, secretaria de Estado de Comunicación entre 2011 e 2018, para falar do proceso de negociación dun debate. Na xornada do martes, outro destes foros reunirá á presidenta da Forta, Núria Llorach; ao director xeral de Uteca, Andrés Armas, e ao director de contidos da CRTVG, Fernando Ojea, mentres que o luns 30, representantes do Consell de l’Audiovisual de Catalunya e da Entidade Reguladora de Comunicação Social de Portugal participarán nun coloquio sobre os organismos reguladores do audiovisual.
Máis de 80 comunicacións
O programa deste congreso, que busca abordar tamén “as novas formas de comunicación política”, complétase coa celebración de cinco mesas paralelas nas que se presentarán un total de 84 comunicacións.