O paseo da comitiva académica de profesorado togado entre os colexios de San Xerome e Fonseca pola rúa do Franco abriu o venres 6 de setembro o acto de inauguración do curso 2019/20 nas universidades galegas, celebrado por quenda rotatoria na institución compostelá. A mesa presidencial do acto estivo composta polo reitor da USC, Antonio López e polos seus homólogos Julio Abalde Alonso da UdC e Manuel Reigosa Roger da UVigo, acompañados polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e polo presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa Silva.

A comitiva académica de profesorado togado comezou o seu paseo no Colexio de San Xerome para dirixirse ao de Fonseca. [Foto: Santi Alvite / Xornal USC]
Graos abertos e especialización
Na súa intervención, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o desenvolvemento dunha experiencia piloto de graos abertos a partir do curso 20-21, nos que os alumnos poderán elixir durante ano e medio materias de varias carreiras antes de decidirse definitivamente por unha delas. O presidente salientou que a comunidade galega será a terceira en implantar esta fórmula e explicou que na experiencia piloto do vindeiro curso 2020-2021, o número de prazas ofertadas será dun máximo de 25 para cada grao aberto, sendo 5 o número máximo de graos do programa e contando coa correspondente subvención.
Lección maxistral
Na conferencia ‘A década que cambiou a química analítica’ o catedrático Rafael Cela Torrijos presentou a química analítica como a “ciencia da información química”, sendo nesta disciplina onde se desenvolveu durante a década dos 70 e seguintes a quimiometría, “que evolucionou e diversificou os seus obxectivos, foi adoptada por outras ciencias, en ocasións modificando a denominación para facela un pouco máis súa, pero que continúa o seu desenvolvemento esencialmente neste campo da ciencia”.
O acto contou cunha numerosa representación de distintas institucións sociais, políticas, culturais e académicas de toda Galicia.