Colaboracións e patrocinios

O Consello Social colabora na creación do UM21 que competirá na Fórmula Student de Alemaña e España no vindeiro ano

2020-10-02T12:09:06+00:001 de Outubro de 2020|Colaboracións e patrocinios, Novas|

O UVigo Motorsport comeza o curso ultimando o traballo de fabricación do monopraza que quedou paralizado en marzo por mor da COVID-19. “O vehículo, que competirá no 2021 nas probas de Alemaña e España de Formula Student, será o que estivemos a desenvolver durante o curso pasado. Dende a volta do confinamento estamos rematando o traballo de fabricación que quedou conxelado e aínda que o deseño xeral do coche mantense, hai algúns sistemas que se poden mellorar no estado de fabricación que estamos”, explica Diego Pérez Casal, líder do equipo. En concreto, o equipo traballará na modificación da xeometría da dirección, na simplificación de toda a electrónica e na mellora dos sistemas de DRS (sistema de redución de resistencia) e escape, “ademais poderemos implementar todos os sistemas precisos para a investigación e testeo da condución autónoma para un correcto desenvolvemento para os futuros anos e futuras direccións técnicas da organización da competición”, explica Diego.

Na participación nas probas de Formula Student, que se disputarán nos circuítos de Hockenheimring e Montmeló o vindeiro ano, o equipo fíxase como obxectivo mellorar co UM21 o máximo nas probas dinámicas, rematar sen problemas a de resistencia, que é a máis importante da competición, e consolidar o resultado do ano pasado coma segundo mellor monopraza de España. No caso das probas estáticas, que avalían a calidade do deseño, “o obxectivo é saír da metade da táboa e escalar as maiores posicións posibles”, apunta Diego Pérez, que avanza a posibilidade, cara o ano que vén de presentarse a unha terceira competición.

Aínda podes formar parte do equipo ata o 5 de outubro

Cunha vintena estudantes que xa participaran no desenvolvemento do UM20, o equipo que fará realidade o UM21 está previsto que estea finalmente formado por unhas 40 ou 50 persoas. Para acadar esta cifra, ata o vindeiro luns 5 de outubro permanecerá aberto o proceso de selección para que calquera estudante da UVigo solicite a súa participación no proxecto mediante a súa inscrición nun formulario en liña. As e os aspirantes poderán integrarse nalgún dos seis departamentos que este ano conforman UVigo Motorsport: dinámica, que se encarga dos sistemas de suspensión, dirección e freado do monopraza; propulsión, centrado no mapa motor, sistema de refrixeración, desenvolvemento de sistemas de admisión e escape; chasis e aerodinámica; electrónica e programación, encargado do deseño de placas e implementación de esquemas eléctricos; organización e márketing, que se ocupa da planificación do proxecto e contacto con patrocinadores e medios de comunicación e o departamento de coche autónomo, que a partir do procesado de imaxes e xestión de actuadores conseguirá que o monopraza recorra os circuítos nos que a partir do ano 2022 competirán de xeito autónomo.

O Consello Social vén colaborando con este proxecto desde os comezos.

[Na imaxe, o UM19 na praza Miralles. Información e fotografía tiradas dunha nova do DUVI]