Actualidade

Publi&Webinars, ciclo de actividades telemáticas para crear e difundir en internet que conta coa colaboración do Consello Social

2021-03-16T14:05:58+00:0015 de Marzo de 2021|Sen categorizar|

Crear podcasts, facer nunha tenda electrónica, mellorar a posición dunha nosa páxina en buscadores ou aproveitar as redes sociais como soportes publicitarios, entre outros, conforman o ciclo de conferencias e obradoiros que, celebrado telematicamente a través do Campus Remoto, se desenvolverá entre os meses de abril e maio. Publi&Webinars está organizado polo profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Xabier Martínez Rolán, en colaboración coa Facultade, o Consello Social da Universidade de Vigo e as empresas E-goi e Dinahosting. As actividades están tamén abertas tamén ao público e teñen como obxectivo “completar a formación do alumnado”.

O  ciclo está formado por seis obradoiros e conferencias que pretenden, segundo o seu promotor “por un lado a creación de produtos multimedia e, por outro, a difusión de produtos multimedia, dous aspectos que pivotan un arredor do outro, porque non podes promocionar algo que non existe e non serve de nada crear un produto se logo ninguén o coñece”.

Actividades ao longo de tres meses

O programa comeza o 26 de marzo co relatorio Social ads en Facebook e Instagram, a cargo do egresado da facultade e xestor de proxectos na empresa Elogia, Adrián Aira. Continua o 9 de abril, cun coloquio con María Xosé Saborido, responsable de formación en Dinahosting, sobre “como se xestiona a atención ao cliente desde o punto de vista dos negocios web, que é tamén unha parte fundamental da comunicación dixital das empresas”. A seguir, o 13 de abril, o consultor e experto en posicionamento de espazos web en buscadores, Wajari Velásquez impartirá un relatorio titulado Claves SEO en 2021. Esa mesma semana, o venres 16,  participarán Ana Lage e Anxo Rey, que falarán sobre “unha das grandes revelacións do confinamento”, a creación de podcasts.

O ciclo continúa o 27 de abril cun obradoiro sobre crear unha tenda online impartido polo consultor Anxo Sánchez. Estará centrado no plugin Woocommerce paraWordPress. Pecha a programación o coloquio E-mail márketing: boas prácticas integradas nunha estratexia multicanle, a cargo de Daniel Alves da emprega portuguesa E-goi.