Colaboracións e patrocinios

O Consello Social publica o Barómetro da empregabilidade da UVigo na era COVID19 desde a perspectiva dos empregadores

2021-06-21T13:16:00+00:0021 de Xuño de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas|

En tempos de covid-19 as empresas buscan, ante todo, profesionais responsables, moi motivados e comprometidos coa consecución de resultados. Así se amosa no Barómetro de Empregabilidade da UVigo. Perspectiva dos empregadores na era COVID19, un estudo editado polo Consello Social no que se reflexiona sobre as competencias que máis demandan os empregadores en tempos da pandemia e no que se analiza como modificou a crise sanitaria a actitude do empresariado á hora de seleccionar o seu persoal. As conclusións do estudo non deixan lugar a dúbidas: a covid-19 elevou as esixencias dos empregadores.

As autoras coa publicación diante das dependencias do Consello Social.
Imaxe superior: O reitor e Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social, acompañan as investigadoras do informe.

O barómetro está asinado polas profesoras do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, Gloria Caballero e María Jesús López-Miguens, investigadoras expertas en temas de empregabilidade que veñen realizando este tipo de estudos para o Consello Social desde o ano 2015. “Nos primeiros anos analizamos a empregabilidade dos estudantes desde a perspectiva dos propios estudantes, pero no barómetro que publicamos no 2020 xa incluímos tamén a perspectiva dos empregadores”, explican as autoras, ao que engaden que, neste último informe só se considera a percepción dos empregadores e se compara a situación pre e pos pandemia.

Para a posta en marcha do estudo empregáronse dúas mostras de empregadores: a primeira recolle a resposta de 375 empresas antes de que xurdise a pandemia e, a segunda,  de 198 compañías unha vez iniciada a crise sanitaria. Todas son empresas que colaboran coa Universidade de Vigo, ben porque teñen asinados convenios de colaboración para a realización de prácticas profesionais do alumnado, ben porque son usuarias habituais do servizo de ofertas de emprego da UVigo ou porque colaboran con algún dos seus grupos de investigación. “O noso obxectivo era contrastar a opinión dos responsables das empresas en relación a un conxunto de factores que determinan a empregabilidade dun estudante universitario”, explican as autoras, ao quen engaden que, con este propósito, analizaron a situación e expectativas que os empregadores teñen no mercado laboral, as actuacións que realizan en materia de contratación de persoal, así como as competencias que esixen aos candidatos que desexan formar parte do seu cadro de persoal.

Competencias da nova era covid

O informe avalía en detalle as competencias da nova era covid-19 que, aínda que coinciden nalgúns casos coas tradicionais, neste momento toman outra orientación. Optouse por dividir todas estas competencias en cinco grandes grupos: calidades persoais, habilidades sociais, traballo autónomo e en equipo, adaptación e eficacia. “Despois de revisar todos os datos puidemos comprobar de xeito claro que agora todas son máis valoradas polos empregadores que antes da pandemia”, recalcan as autoras.

Primeiro, en relación ás calidades persoais, a responsabilidade ofrece a maior valoración, similar en ambos  momentos analizados (4,59 sobre 5 antes da covid-19 e 4,64 durante a mesma). Pola súa banda, a calidade que mostra un maior incremento na súa  valoración é a da creatividade, pasando de ser valorada en 3,84 sobre 5 puntos antes da covid-19 a 4,57 puntos no transcurso da mesma, o que supón un aumento de 0,73 puntos. A iniciativa, pola súa banda, é a segunda calidade que más incremento amosa, pasando de 4,24 sobre 5 a 4,42, cun incremento de 0,18 puntos.

Respecto das habilidades sociais, a de relacionarse de maneira interpersoal é a máis valorada e ofrece puntuacións medias de 4,10 sobre 5 puntos antes da covid-19 e de 4,20 puntos no transcurso da mesma. Pola súa banda, a valoración da habilidade de negociación pasa de 3,61 a 3,85 puntos, o que supón un incremento de 0,24 puntos. Por último, a de liderado incrementa 0,36 puntos, ao pasar de 3,40 a 3,76 puntos. No que se refire ás competencias de traballo autónomo e en equipo, a que máis valoran os empregadores é a de saber traballar en equipo, que pasou de 4,46 sobre 5 puntos a 4,77 puntos. Séguelle en importancia a da autonomía, que aumenta 0,25 puntos, pasando de 4,17 a 4,42 puntos e, por último, a da comunicación oral e escrita, que pasa de 3,95 a 4,31 puntos, o que supón un aumento en 0,36 puntos.

Polo que se refire á adaptación, a resolución de problemas é a competencia máis valorada e pasou de 4,47 a 4,68 sobre 5 puntos nos períodos analizados, incrementándose 0,21 puntos. A continuación, sitúase a competencia de render baixo presión e, finalmente, a da tolerancia á frustración. Por último, a eficacia no traballo é valorada polos empregadores antes da covid-19 con 3,61 puntos fronte a 4,57 puntos no transcurso desta, cun incremento de 0,96 puntos.

Previsións pesimistas con respecto ás contratacións, salvo en TIC

Outro dos puntos fortes do barómetro é a análise das perspectivas dos empregadores sobre o mercado laboral e sobre a contratación que realizan, tanto antes da Covid-19 como no transcurso da mesma. A previsión do mercado de traballo que realizan os empregadores na súa empresa analízase desde dúas perspectivas: en primeiro lugar, nos próximos dous anos e, en segundo lugar, no curto prazo. Os resultados amosaron que antes da covid-19, o 55,74% dos empregadores esperaban unha previsión do emprego na súa empresa para os próximos dous anos positiva, mentres que no período da covid-19 esta porcentaxe decae ata o 23,98%. Xunto a isto tamén se constata que antes da pandemia preto da metade das empresas analizadas (46,93%) agardaban ampliar o persoal no curto prazo, porcentaxe que logo se reduce ata o 20,70%.

Por sectores, os empregadores que máis prevén un forte incremento nas contratacións pertencen a empresas do sector TIC e de actividades profesionais científicas e técnicas, ambos un 21,05%, mentres que, os que menos prevén este incremento son os sectores de actividades financeiras e de seguros, de construción e de hostalería, que consideran nula esta posibilidade no emprego.

[Imaxes e información recollidas dunha nova do DUVI]