O luns 18 de outubro, na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo comezou o I Congreso Internacional de Violencia Sexual que ten como obxectivo estudar a situación actual e perspectivas de futuro en regulación de violencia de xénero. A súa análise faise tendo en conta a perspectiva histórica dos antecedentes na antiga Roma.
O simposio, que ten o título de Violencia sexual: antecedentes romanos e regulación actual, continuará celebrándose os días 22, 25 e 29 de outubro e está organizado dentro das actividades do grupo de innovación docente Docentia et Mulier da Universidade de Vigo. Conta co apoio das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Dereito, do Consello Social, da Vicerreitoría de Investigación, da Unidade de Igualdade da UVigo e da Deputación de Ourense. A súa temática, indicaron as súas responsables na apertura, “está vinculada a liñas de investigación nas que traballamos desde hai moitos anos, centradas no tratamento do principio de igualdade e loxicamente en todas aquelas accións contra o mesmo, entre elas a violencia de xénero e a violencia sexual”.
As sesións, que se retransmiten de xeito telemático, comezaron cunha conferencia de María José Bravo Bosch sobre a violencia sexual na antiga Roma e no dereito actual. A seguir interveu Pasquale Bronzo, catedrático de Dereito Procesual da Universidade de Roma La Sapienza, que falou da situación xurídica da violencia de xénero en Italia. Antonio Villanueva, da Universidade de Vigo, disertou sobre a regulación actual da identidade e orientacións sexuais. Inés C. Iglesias Canle, foi a encargada de abordar a problemática da proba de violencia sexual.
As seguintes sesións analizarán o tratamento xurídico e psicosocial das medidas de protección e sanción das condutas sexuais a partir do seu tratamento nos tratados e convenios internacionais e na normativa nacional de distintos estados da UE e doutros países iberoamericanos, achegándose a temas como as novas (ciber)violencias sexuais en adolescentes, a tutela da vítima na “era covid”, o perfil criminolóxico do agresor, a xustiza restaurativa en Portugal e a experiencia forense na avaliación do abuso sexual.
Consulta a web do Congreso
Anteriores novas do Congreso na web do Consello: