Colaboracións e patrocinios

O 1º Congreso Internacional sobre violencia sexual, que conta coa colaboración do Consello, celebrarase desde mediados do mes de outubro

2021-10-05T14:27:08+00:005 de Outubro de 2021|Colaboracións e patrocinios, Novas|

A Facultade de Dereito do campus de Ourense e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo do campus de Vigo acollerán os días 18, 22, 25 e 29 de outubro o I Congreso Internacional de Violencia Sexual. Esta primeira edición, dirixida polas profesoras da UVigo Inés C. Iglesias Canle e María José Bravo Bosch, estará enfocada “no estudo e análise das institucións xurídicas e o tratamento político da violencia sexual no eido interno e internacional”.

O congreso, que leva por título Violencia sexual: antecedentes romanos e regulación actual, está organizado dentro das actividades do grupo de innovación docente “Docentia et Mulier” da Universidade de Vigo e conta co apoio da Vicerreitoría de Investigación e o Consello Social da UVigo. A iniciativa, indican desde a súa organización, “pretende ser un foro de discusión e intercambio de experiencias das realidades actuais sobre a violencia sexual e o seu tratamento dende a experiencia histórica á situación actual en distintos textos normativos, nacionais e internacionais”. Trátase, explican, “de examinar o impacto das políticas e das achegas xurídicas no seu intento por erradicar as distintas formas de violencia sexual, en tanto que supoñen unha violación do dereito fundamental á liberdade, á igualdade e á dignidade da persoa, á súa integridade física e moral e, desgraciadamente, en ocasións, á propia vida”.

Dilatado programa

O arrinca cunha intervención de María José Bravo Bosch sobre a violencia sexual na antiga Roma e no dereito actual e remata cunha conferencia a cargo de Regina Beatriz Tavares da Silva, presidenta de ADFAS (Associação de Direito de Família e das Sucessões) de Brasil. Ao longo das catro sesións abordanse temas como a proba en violencia sexual, xustiza penal restaurativa, as novas (ciber)violencias sexuais en adolescentes, a tutela da vítima na “era covid” e a experiencia forense na avaliación do abuso sexual. Con este programa, o evento pretende, entre outros aspectos, servir de plataforma para aproximacións innovadoras na política e o dereito, tanto no terreo teórico coma no práctico; favorecer o desenvolvemento e a difusión de intercambio de experiencias internacionais a través da conexión dos distintos eixes temáticos que definen este congreso; crear espazos de reflexión sobre propostas e retos en materia de dereitos humanos e potenciar estudos relacionados coa sostibilidade e a Axenda 2030. O congreso desenvolverase de xeito presencial na Facultade de Dereito do campus de Ourense o día 18 e os restantes días na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Tamén se poderá seguir a través do Campus Remoto da UVigo.

Novas anteriores sobre o mesmo tema: