Preto de 800 alumnos e alumnas de doce colexios de Vigo e de tres de Pontevedra participaron nun proxecto dirixido a estimular as “vocacións matemáticas” dos nenos e nenas de primaria e descubrilles as múltiples aplicacións na vida cotiá. A través dos 0bradoiros que o estudantado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte imparte nestes 15 colexios e dunha serie de encontros con investigadoras e investigadores, Te lo cuentan las matemáticas procura cambiar a percepción desta ciencia como algo desconectado da vida cotiá. O seu obxectivo é que os nenos e nenas “non só saiban que as matemáticas son útiles, senón que poidan comprender o papel que xogan no mundo que lles rodea”, explica a profesora Marta Pérez, coordinadora do proxecto que conta co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología-Ministerio de Ciencia e Innovación.
Promovido polo grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas), trátase dun programa que “apoia a ensinanza da materia desde un punto de vista científico, tecnolóxico, atractivo, innovador e complementario aos currículos”. Con ese obxectivo, comprende, por unha banda, a organización en cada trimestre dunha serie de talleres, de carácter manipulativo e tecnolóxico, que permiten ao estudantado de 5º e 6º de primaria achegarse ás aplicacións das matemáticas en múltiples eidos, desde a astronomía e a espionaxe, ata a xeración de mapas ou o uso da estatística no deporte. “Buscamos achegalos á importancia que teñen as matemáticas na súa vida cotiá dunha forma máis tanxible, que coñezan e comprendan as súas aplicacións”, salienta Pérez dun proxecto que reúne na súa terceira edición o maior número de participantes ata a data. “A verdade é que estamos moi satisfeitas coa resposta”, recoñece a profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte dunha iniciativa que se complementa á súa vez con actividades formativas e recursos educativos para o profesorado.
Os c olexios que participan son os CEIP vigueses Alfonso R. Castelao, Chans-Bembrive, Emilia Pardo Bazán, Escultor Acuña, Frian-Teis, García Barbón, Igrexa-Candeán, Mestres Goldar, Paraixal, Pintor Laxeiro, Ramón y Cajal e Virxe do Rocío, así como os colexios pontevedreses de San Martiño, Cabanas e Santo André de Xeve. Mais, como sinala Pérez, este proxecto busca tamén ir máis aló dos 800 participantes presenciais e “chegar a cantos máis nenos e nenas poidamos, co obxectivo de fomentar na sociedade a utilidade das matemáticas”. Con esa idea, Te lo cuentan matemáticas conta cunha área de recursos na súa web que reúne “materiais que calquera docente pode usar nas súas aulas” e que irá nutríndose de novos contidos ao longo do curso, “que poden ser utilizados tanto no último ciclo de primaria como en primeiro e segundo da ESO”.